Amosando publicacións coa etiqueta recursos anticrise. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta recursos anticrise. Amosar todas as publicacións

25 de abr. de 2014

Flores comestibles




Persoalmente hai tempo que consumo flores en ensalada e tamén en marmelada, en aceite e en vinagre. Son habituais da miña mesa a capuchina, a rosa e o clavel, a lavanda, os xeranios, as violetas, o trevo, todas as flores das aromáticas usadas habitualmente na cociña, así como as das árbores froiteiras e as das hortalizas. e moitas outras que vos recomendo probar pero coidado, sempre cultivándoas vós mesmos porque os tratamentos químicos que lles botan ás plantas ornamentais son aínda máis velenosos que os usados nas que se destinan ao consumo humano!

Hai moitos anos que comecei a experimentar, axudándome destes libros:

XOSE RAMON GARCIA: Guía das plantas de Galicia, ed. Xerais, ISBN: 978-84-9782-939-7
MIGUEL MOSQUERA PAANS: A nosa botica, ed. Do Cumio, ISBN: 978-84-8289-465-2
JEKKA MCVICAR: Del jardín a la mesa, ed. Tres Torres, ISBN: 84-7747-201-7


As miñas verduras á grella con pétalas de caléndula e xasmín



5 de mar. de 2014

Paseo de inverno


Recuperándome aínda da peor viriase da miña vida (terá algo que ver o curso de Rexistros Akáshicos e será esta unha "crise de sanación?) albisco unha raiola de sol por entre as persianas e decido saír a que me dea un pouco o aire do mar (non hai aviso de temporal hoxe, ademais a esta hora a marea está baixa). Hai tempo que non había unha hora seguida de luz solar de calidade! Ións negativos porfa porfa, limpeza enerxética por dentro e por fóra!


Observo fascinada a praia deserta e as raíces do piñeiral dunar que quedaron dramaticamente ao descuberto despois de tanto temporal seguido.


Sento nunha rocha e estírome ao sol un bo anaco como un cormorán, cos brazos abertos. De regreso, reparo na madeira de deriva que o mar deitou na area. Son estes uns materiais moi bos, lentamente erosionados polas ondas adquiren formas e cores inverosímiles e ademais impregnados de salitre ata un punto que xa nunca serán atacados pola carcoma. 


Recollo algúns fragmentos que me parecen especialmente fermosos e suxestivos. Deixareinos a secar un par de días na bandexa traseira do coche e despois de sacudilos un pouco para eliminar os restos de sal e de area, cunha destas madeiras farei un centro de flores secas. 


O primeiro é decidir que forma, tamaño e cores lle van ben. Despois pegareille unha esponxa para flor (con cola térmica ou pegamento "no más clavos") e deixareino secar unhas horas. Entón comeza o máis entretido: ir pondo flores, musgo, ponlas, landras, materiais que fun recollendo aquí e alá nos meus paseos, flores que no seu día merquei e despois de gozar delas uns días nun xarrón púxenas a secar, restos de popurrís que perderon o seu perfume, todo vale. Esta vez terei que usar tamén algunhas flores artificiais porque levamos un inverno tan pasado por auga que hai moito tempo que non recollo nada no campo e non teño suficientes cousas hoxe. Pero o gasto total non chega nin a tres euros, e o resultado é espectacular. 



27 de dec. de 2012

Seguimos sendo Os Miserábeis pero agora non nos decatamos

Interesante documental franco-colombiano realizado en 2009 por Jean-François Brient completamente libre de dereitos de autor. Pretende facernos reflexionar sobre a escravitude moderna no marco do sistema totalitario mercantil e desvelar os mecanismos despregados para ocultar esta escravitude e perpetuala.



26 de nov. de 2012

Os venres lectura

O inefable Pere Tobaruela ofrécenos esta novela por entregas que seguiremos apaixonadamente, como se facía no século XIX... Grandes autores publicaron así, estou certa de que se Dickens levantase a cabeza coidaría boa idea publicar en Internet. 
A diferencia é que Pere regálanos o seu traballo amorosamente nun blog de acceso libre e gratuíto. Cada venres unha nova entrega de SEMPRE PERDEN OS MESMOS

31 de out. de 2012

Sumando capacidades

Recoméndovos visitar esta páxina, descargar esta preciosa tipografía (fermosísima, orixinal, gratuíta) e compartilo, para seguir xuntos SUMANDO CAPACIDADES, unha lección que os que nos cremos mellor "capacitados" ás veces temos pendente... http://www.annavives.com/


21 de ago. de 2012

Atrapasoños

Estou moi contenta porque Sandra me enviase esta foto do atrapasoños que confeccionou e anímovos a facer o mesmo:


14 de xul. de 2012

Atrapa os teus soños

Un atrapasoños (ou cazador de soños) é un obxecto feito a man que serve para filtrar os soños, deixando pasar só os positivos. Os bos soños baixan lentamente polas plumas ata nós; os pesadelos quedan atrapados nas pedriñas da rede e á mañá seguinte arden coa primeira luz do día. Por iso os atrapasoños deben colgarse no teito da habitación, preto da cabeceira da cama, evitando o contacto con calquera obxecto ou parede que lle podería estorbar a liberdade de movementos; tamén é ideal que o sol entre pola fiestra e chegue a iluminalo. Como calquera obxecto de poder, debe atoparse en perfecto estado: cando o tempo desgaste os seus materiais, se lle rompan os fíos ou caian as plumas, haberá que queimalo e poñer outro novo. 

Os atrapasoños orixináronse na nación nativa norteamericana de Ojibwa. Durante o movemento Pan-Indio na década dos 60 e 70 foron adoptados tamén por outros pobos americanos, anque tamén hai quen os considera cousa chabacana e comercial, porque actualmente son fabricados e comercializados por estraños que non teñen ningunha consciencia sobre o seu funcionamento e non lles aplican o proceso de enerxización tradicional, polo que se converte nunha simple horterada decorativa para turistas. 

En xeral un atrapasoños está formado por un aro (tradicionalmente de vimio ou salgueiro) e unha rede frouxa no seu interior, decorándose o conxunto con diversos obxectos que teñan un significado especial para o propietario (plumas, sementes, pedras...)

Hoxe vou confeccionar un atrapasoños aproveitando un groso cable dun electrodoméstico avariado, non é moi tradicional pero encóntroo adecuado porque o fío de cobre é moi bo condutor. Farei un círculo con ese cable e enroscareille en redor un aramio fino, cubrindo ao final todo o resultado con cinta de pintor.

Completado este primeiro paso, hai que decidir que cores queremos que teña. Trátase de cubrir esta estrutura para darlle o seu aspecto definitivo. Como eu estou reutilizando cousas vouno forrar de negro cos restos dun plástico adhesivo que me sobrou de forrar os caixóns dun vello moble, pero pódese forrar de la (dunha ou varias cores), de tela, ou por suposto forrado de coiro quedaría xenial.

Unha vez que xa temos o aro, toca tecer a rede. Hai varios modelos posibles, eu neste caso vou debuxar unha estreliña cun cordel negro. Para iso pintarei no aro doce puntos, como se fosen as horas dun reloxo. Poñerei estas doce marquiñas e comezarei o tecido como segue:
 
Ato o cordel no que serían as doce facendo un nó e déixolle bastante sobrante que servirá para colgalo do teito. Das 12 levo o cordel ata as 5, e aí fago outro nó.
Do 5 ao 10, e outro nó.
Do 10 repito o proceso para o 3.
Do 3 paso igualmente ao 8.
Do 8 para o 1.
Do 1 para o 6.
Do 6 para o 11.
Do 11 para o 4.
Do 4 para o 9.
Do 9 para o 2.
Do 2 para o 7.
Do 7 para o 12.

Nos principais puntos de cruce do cordón atarei pedriñas pequenas, das que se usan como contas para elaborar colares, atareinas cunha tanza practicamente invisibel, e logo prepararei cintas, plumas, cunchas, etc. para colgar dos puntos que serían as seis (o colgarello máis longo) as 5 e as 7 (máis ou menos simétricos) as 3 e as 9 (aí só vou poñer cintas negras). Colocarei unha boliña de madeira no cordón que sobresae do punto 12, o que serve para colgar o atrapasoños, e con iso xa estará rematado. Testo o lugar onde convén colgalo, poño un gancho no teito e observo como queda. Enerxízoo, prendo un incenso e canto. 


Un bo atrapasoños, correctamente elaborado, enerxizado e colgado do teito, facilita o descanso, absorbe as negatividades do ambiente, afasta os malos espíritos, elimina os pesadelos e atrae soños con solucións creativas para a situación actual... se estás disposto a aceptalas. 

 
 

12 de xul. de 2012

xabón reciclado

É doado atopar en internet instrucións para elaborar xabón caseiro, animádevos a probar. De momento, para que se vaian animando os máis inexpertos, propóñovos simplemente reutilizar os fragmentos de xabón que van quedando pequeniños e incómodos de usar, de diferentes aromas e colores. Rallaremos eses cachiños (cun rallador calquera de cociña) e irémolos gardando nun bote de cristal; cando teñamos unha boa cantidade poñeremos o bote ao baño maría cun pouquiño de auga e/ou aceite corporal e deixarémolo ferver batendo enerxicamente de vez en cando. O proceso é bastante fácil e rápido. Cando teñamos unha pasta homoxénea vertémola nuns moldes do tamaño e forma que prefiramos. Neste caso eu utilicei moldes de repostería. Póñense ao sol para que sequen, cando estea duro desmoldamos e listos para usar!!