Observo fascinada a praia deserta e as raíces do piñeiral dunar que quedaron dramaticamente ao descuberto despois de tanto temporal seguido.
Recollo algúns fragmentos que me parecen especialmente fermosos e suxestivos. Deixareinos a secar un par de días na bandexa traseira do coche e despois de sacudilos un pouco para eliminar os restos de sal e de area, cunha destas madeiras farei un centro de flores secas.
O primeiro é decidir que forma, tamaño e cores lle van ben. Despois pegareille unha esponxa para flor (con cola térmica ou pegamento "no más clavos") e deixareino secar unhas horas. Entón comeza o máis entretido: ir pondo flores, musgo, ponlas, landras, materiais que fun recollendo aquí e alá nos meus paseos, flores que no seu día merquei e despois de gozar delas uns días nun xarrón púxenas a secar, restos de popurrís que perderon o seu perfume, todo vale. Esta vez terei que usar tamén algunhas flores artificiais porque levamos un inverno tan pasado por auga que hai moito tempo que non recollo nada no campo e non teño suficientes cousas hoxe. Pero o gasto total non chega nin a tres euros, e o resultado é espectacular.



Ningún comentario:
Publicar un comentario