Un monxe zen regresaba ao seu mosteiro tras saber que o seu vello mestre agonizaba, desexando cambiar con el unhas últimas palabras. Percorrera todo o país cun caxato e unha cunca, a pedir esmola, e agora estaba case ás portas da rexión que o vira nacer. Só lle faltaba atravesar o río e chegaría ao mosteiro. Na beira da auga, un home gañaba a vida pasando xente na súa balsa de bambú.- Serías tan amable de pasarme ao outro lado? - preguntou o monxe.
- Son dúas moedas- respondeu o barqueiro.
- Pero eu non teño diñeiro - explicoulle o monxe -. Eu son pobre de pedir, na nosa orde non temos pertenza ningunha.
- Pois vas á vila, pides, xuntas dúas moedas e volves.
O monxe non podía facer iso, el só pedía arroz para comer cada día coa súa cunca, nunca diñeiro pedira. Así que lle ofreceu ao barqueiro pagarlle botándolle unha bendición para que a súa balsa nunca se soltase, nin pudrise, nin rompese, nin volcase nunca... Pero o home insistiu en que só o pasaría a cambio de dúas moedas.
- Se non tes dúas moedas marcha de aí!!
E o monxe marchou pensativo, camiñando sobre as augas.
Quen axuda a quen, e por que? Cando alguén che pide axuda estás seguro de que non cha está ofrecendo? Porque todo é o mesmo nesta incesante danza cósmica que compartimos, o mesmo pedir e dar, todo é igual, todo é participar.
Este monxe é fascinante, lémbrame ao ermitán do tarot, leva a súa propia luz para iluminar o seu camiño, non o dos demais. Se de paso ilumina aos demais estupendo, pero non é esa a súa función principal. O monxe do conto puido pasar o río usando os seus poderes desde un principio, prescindindo do barqueiro, pero quixo darlle unha oportunidade porque todos somos irmáns e compañeiros de camiño. Ora ben, tampouco se avergoña dos seus poderes e se realmente é capaz de camiñar sobre as augas faino, no momento certo, ante a necesidade de facelo pero non por gabarse nin probar nada nin situarse por riba dos seus irmáns. Tampouco cae na condescendencia, no salvacionismo, nada de nada, el prosegue o seu camiño con humildade. Con humildade, si, humildade da boa, da real, da que consiste no coñecemento dos propios límites.
Ningún comentario:
Publicar un comentario