En
calquera dirección que percorras a alma, nunca toparás cos seus
límites
(Sócrates)
Gústame acompañar ás persoas na recuperación e mantemento do seu equilibrio integral (físico, emocional, mental e espiritual) axudando a desenvolver as ferramentas que cadaquén precisa na súa traxectoria persoal.
Son licenciada en Filoloxía e escritora. Durante máis de trinta anos dediqueime ao ensino adquirindo experiencia na elaboración de materiais didácticos, proxectos de innovación educativa, aprendizaxe cooperativa, estratexias de resolución de conflitos, mediación, titoría, avaliación, coordinación de equipos de traballo, programas de diversificación e outras medidas de atención á diversidade que me fixeron interesarme polos estudos sobre as intelixencias múltiples e posteriormente profundar na intelixencia emocional.
Co tempo fun reunindo diferentes estratexias de orientación para promover o desenvolvemento integral das persoas e facilitar os seus procesos de crecemento persoal e espiritual. O meu enfoque pasa polo autocoñecemento, toma de consciencia e perspectiva, de aí o nome de PERSPECTIVA que elixín.
Actualmente manexo bastantes técnicas que aplico de xeito conxunto ou separadamente tras un estudo individualizado de cada caso. Estas son algunhas das liñas de traballo que me inspiraron diferentes procedementos:
- Tarot evolutivo. Bo método de diagnóstico e consello, axuda a obter información do inconsciente persoal e colectivo tanto para a comprensión dun problema como para a elaboración e posta en práctica de solucións. O universo é en realidade un multiverso complexo cheo de posibilidades onde ti cocreas a túa propia realidade a cada paso, en primeiro lugar coa túa mente e en segundo lugar coas túas decisións e actuacións, que te levarán por unha ou outra liña temporal de desenvolvemento. Moita xente acode ao tarot para coñecer "o futuro" e considera que é un bo tarotista aquel que "acertou", pero o destino non está escrito de antemán e se estás nunha liña temporal que te prexudica o máis intelixente non é esperar que se realice senón introducir na túa vida os cambios necesarios para que non o faga.
- Cábala. A través dun estudo cabalístico persoal podes coñecer os teus camiños da vida, as túas fortalezas e os teus bloqueos, as repercusións na túa saúde das decisións vitais que tomaches ou vas tomar, as aprendizaxes programadas para esta encarnación, a existencia de lazos kármicos con persoas da túa contorna, os significados impresos no teu nome, lugar de nacemento, etc. así como o carácter numerolóxico de todo canto te rodea. É un método bastante obxectivo para obter información coa que planificar do xeito máis consciente a túa vida.
- Sanación enerxética. Sigo o método impartido na EMEDT por David Topí, que permite a sanación de persoas, lugares e situacións.
- Flores de Bach. Elaboro esencias naturais para tratar diversas situacións emocionais como medos, ansiedade, depresión, etc. que poden ser un problema en si mesmas ou producir enfermidades que cursan con síntomas físicos.
- Flores de Bach. Elaboro esencias naturais para tratar diversas situacións emocionais como medos, ansiedade, depresión, etc. que poden ser un problema en si mesmas ou producir enfermidades que cursan con síntomas físicos.
- PSY-K ® Cantas veces quedaches pensando "sei o que debo facer pero non son quen de facelo"? O noso cerebro pode estar habituado a darnos sempre o mesmo tipo de solucións ante o mesmo tipo de problema, e xa sabes: só un necio repite o mesmo esperando un resultado diferente. PSY-K® é unha excelente ferramenta para realizar os cambios que queres na túa vida, reprogramando a túa mente e liberándote de crenzas limitantes e patróns de conduta prexudiciais. É un procedemento simple, rápido e agradable, que utiliza por unha banda técnicas de kinesioloxía para comunicarse co subconsciente e pescudar cales son as crenzas limitantes da persoa, e por outra banda movementos e posturas corporais que favorecen o funcionamento de ambos hemisferios cerebrais de xeito equilibrado. Todo iso facilita que se produzan cambios nas crenzas, sensacións e actitudes da persoa de forma rápida, efectiva e permanente.
- Asesoramento xamánico. Malia vivirmos nun mundo industrializado onde a función social do xamán non existe como tal, as técnicas de investigación e sanación xamánica seguen estando dispoñibles para quen as procura. Podo investigar calquera asunto que che preocupe e transmitirche as conclusións, ou guiarte na túa propia viaxe xamánica, conectar co teu animal de poder e outras experiencias de sanación e autocoñecemento moi enriquecedoras. Durante as sesións de viaxe xamánica ou visualización non se perde a conciencia nin a vontade, se o que buscas son experiencias alienantes de perda de control, inxestión de substancias, etc., ese non é o meu enfoque. Na miña práctica, coa axuda do son do tambor, o viaxeiro visita unha realidade diferente da que habita na conciencia ordinaria para recibir por coñecemento e sanación, contactar con animais de poder ou mestres e guías espirituais doutras dimensións e recibir deles a axuda que precise nese momento.
- Técnicas de relaxación, visualización e conexión co teu ser interior, os teus guías espirituais, outras vidas e outros planos do ser. Mediante unha relaxación profunda, podes lembrar un momento pasado directamente relacionado con algún problema que tes actualmente. Ver como se orixinou axuda a integralo, entender as leccións de vida que nos trae e aceptar a situación actual ou modificala. Ademais a experiencia directa doutra vida proporciona unha comprensión do noso ser inmortal por riba da personalidade actual e unha comprensión dos diferentes planos de existencia alén do mundo físico. Pero actualmente parece que esta experiencia está "de moda" e moitos acoden a unha regresión como quen fai unha viaxe turística, sen ningún propósito sanador senón por "ter a experiencia". Non recomendo esta actitude porque só conduce a inflar o ego e presumir (erroneamente) de que nunha vida pasada fomos isto ou aquilo.
Tamén a análise de soños é unha actividade atractiva. Hai moitas páxinas en internet que ofrecen dicionarios de soños coma se os símbolos dos soños fosen obxectivos e tivesen as mesmas connotacións para todo o mundo, pero hai que ter en conta o contexto persoal. Polo tanto, a análise dun soño faina sempre, en última instancia, o soñante, con axuda das preguntas que se lle poden propoñer para facilitar o proceso.
- Reiki. Son mestra de Reiki Usui Tradicional, un método de conexión coa enerxía universal que se pode canalizar a través das mans contribuíndo a favorecer o benestar, estimular o sistema inmunitario, aliviar estados de estrés, depresión e cansazo. Reiki aumenta a capacidade autocurativa das persoas e tamén funciona con animais, plantas, obxectos, lugares, situacións vitais, porque todo canto existe en calquera plano, físico ou sutil, está formado en última instancia por unha vibración que se pode harmonizar.
ACOMPAÑAMENTO PERSONALIZADO
- Coa miña axuda podes adquirir unha nova perspectiva, analizar os teus problemas nun contexto máis amplo, tomar decisións, definir obxectivos e levar a cabo os cambios necesarios na túa vida.
- Poderás explorar todo o teu potencial e resolver dúbidas existenciais. O que se traballa a nivel enerxético aféctanos a nós e á nosa contorna, influíndo en cantos nos rodean, e así é posible axudarnos a nós mesmos e aos demais. Por iso, despois das nosas sesións é importante prestar atención aos cambios que se van producir ao teu ao redor e permitir que sucedan: unha vez máis, toma de consciencia e adquisición de nova perspectiva.
- Logo dunha sanación enerxética o mellor é introducir os cambios que queres facer na túa vida inmediatamente para non volver repetir os comportamentos que queres eliminar. Isto require un compromiso pola túa parte, porque en última instancia só ti podes sanar a túa vida. Polo tanto ademais da sanación proporcionareiche un plan de acción posterior.
- Estas técnicas actúan sobre o corpo físico, mental, emocional e etérico removendo vellos patróns e bloqueos. Cando a enfermidade aparece no corpo físico leva xa un longo periodo de incubación nos corpos sutís, por intoxicarnos durante anos e por non vivir de acordo co noso ser interior. É un aviso de que hai cousas importantes que cambiar na nosa vida. Agora ben, unha vez que xa se está manifestando no corpo físico, é precisa tamén unha intervención física nese plano, por iso calquera axuda que eu poida ofrecerche non substitúe á visita médica. Imaxina que o teu corpo é un coche e tes un accidente. É interesante a introspección para comprender por que che sucedeu iso e evitar que se repita, pero tamén tes que levar o coche ao taller e reparar os danos.
CONTACTO mail to:
folerpa@gmail.com


