14 de xul. de 2012

Atrapa os teus soños

Un atrapasoños (ou cazador de soños) é un obxecto feito a man que serve para filtrar os soños, deixando pasar só os positivos. Os bos soños baixan lentamente polas plumas ata nós; os pesadelos quedan atrapados nas pedriñas da rede e á mañá seguinte arden coa primeira luz do día. Por iso os atrapasoños deben colgarse no teito da habitación, preto da cabeceira da cama, evitando o contacto con calquera obxecto ou parede que lle podería estorbar a liberdade de movementos; tamén é ideal que o sol entre pola fiestra e chegue a iluminalo. Como calquera obxecto de poder, debe atoparse en perfecto estado: cando o tempo desgaste os seus materiais, se lle rompan os fíos ou caian as plumas, haberá que queimalo e poñer outro novo. 

Os atrapasoños orixináronse na nación nativa norteamericana de Ojibwa. Durante o movemento Pan-Indio na década dos 60 e 70 foron adoptados tamén por outros pobos americanos, anque tamén hai quen os considera cousa chabacana e comercial, porque actualmente son fabricados e comercializados por estraños que non teñen ningunha consciencia sobre o seu funcionamento e non lles aplican o proceso de enerxización tradicional, polo que se converte nunha simple horterada decorativa para turistas. 

En xeral un atrapasoños está formado por un aro (tradicionalmente de vimio ou salgueiro) e unha rede frouxa no seu interior, decorándose o conxunto con diversos obxectos que teñan un significado especial para o propietario (plumas, sementes, pedras...)

Hoxe vou confeccionar un atrapasoños aproveitando un groso cable dun electrodoméstico avariado, non é moi tradicional pero encóntroo adecuado porque o fío de cobre é moi bo condutor. Farei un círculo con ese cable e enroscareille en redor un aramio fino, cubrindo ao final todo o resultado con cinta de pintor.

Completado este primeiro paso, hai que decidir que cores queremos que teña. Trátase de cubrir esta estrutura para darlle o seu aspecto definitivo. Como eu estou reutilizando cousas vouno forrar de negro cos restos dun plástico adhesivo que me sobrou de forrar os caixóns dun vello moble, pero pódese forrar de la (dunha ou varias cores), de tela, ou por suposto forrado de coiro quedaría xenial.

Unha vez que xa temos o aro, toca tecer a rede. Hai varios modelos posibles, eu neste caso vou debuxar unha estreliña cun cordel negro. Para iso pintarei no aro doce puntos, como se fosen as horas dun reloxo. Poñerei estas doce marquiñas e comezarei o tecido como segue:
 
Ato o cordel no que serían as doce facendo un nó e déixolle bastante sobrante que servirá para colgalo do teito. Das 12 levo o cordel ata as 5, e aí fago outro nó.
Do 5 ao 10, e outro nó.
Do 10 repito o proceso para o 3.
Do 3 paso igualmente ao 8.
Do 8 para o 1.
Do 1 para o 6.
Do 6 para o 11.
Do 11 para o 4.
Do 4 para o 9.
Do 9 para o 2.
Do 2 para o 7.
Do 7 para o 12.

Nos principais puntos de cruce do cordón atarei pedriñas pequenas, das que se usan como contas para elaborar colares, atareinas cunha tanza practicamente invisibel, e logo prepararei cintas, plumas, cunchas, etc. para colgar dos puntos que serían as seis (o colgarello máis longo) as 5 e as 7 (máis ou menos simétricos) as 3 e as 9 (aí só vou poñer cintas negras). Colocarei unha boliña de madeira no cordón que sobresae do punto 12, o que serve para colgar o atrapasoños, e con iso xa estará rematado. Testo o lugar onde convén colgalo, poño un gancho no teito e observo como queda. Enerxízoo, prendo un incenso e canto. 


Un bo atrapasoños, correctamente elaborado, enerxizado e colgado do teito, facilita o descanso, absorbe as negatividades do ambiente, afasta os malos espíritos, elimina os pesadelos e atrae soños con solucións creativas para a situación actual... se estás disposto a aceptalas. 

 
 

2 comentarios:

  1. moitas gracias!! a verdade é que eu os miraba como obxetos ornamentais, pero agora que nos contas todo o que fan e o doado que é facerse un unha mesma vou facelo, a ver se me axuda a durmir mellor... graciñas!!

    ResponderEliminar
  2. Estou segura que co teu talentazo vas facer algo fermoso e orixinal con pezas de cerámica confeccionadas por ti... Bicosss

    ResponderEliminar