5 de dec. de 2016

Sobrevives?

Todos cargamos co noso pasado, a nosa longa listaxe de feridas e malentendidos. Pero algunhas persoas adican unha grande parte do seu tempo presente a rememoralas, repasalas, revivilas, reinterpretalas, contarllas ás novas amizades que van facendo e, sáibano ou non, están a resoar co arquetipo do sobrevivente
Este é un arquetipo moi válido, pois sempre contar a propia historia forma parte da salvación, así se entende desde que o mundo é mundo, non só desde a consulta do psicólogo senón xa nas narracións de As 1001 noites e moito antes na propia Odisea.
O problema do sobrevivente é que non ten estratexias de futuro. Soe ser alguén cuxos principais logros quedan no seu pasado, orgulloso de seguir en pé malia todo o que sufriu, posuidor dunha historia persoal tan intensa que dificilmente será superada polo que lle resta por vivir. Un termo moi en uso na psicoloxía actual, resiliencia, contribúe a facer desexable esta condición.
Ora ben, con todo o digno que é o teu sufrimento, con todo o gran mérito que tes por ter atravesado o lume e vivir para contalo, con todo o que te admiro e con todo o recoñecemento que precisas e eu che dou desde o meu amor máis profundo, sincero e incondicional, dime: queres ser un supervivente para o resto dos teus días, ou queres crear algo novo? Estás preparado para facer cousas tan apaixonantes como as que fixeches xa? Se non o estás, que precisarías para facelo? Porque me pregunto ata cando hai que seguir lambendo vellas feridas e chorando polas mesmas dores que dicía Chabela Vargas. Solta xa todo iso, desapégate de ti mesmo e abre as mans para recoller os dons que aínda te esperan no camiño e cos que nin sequera soñas. Onde te imaxinas dentro de cinco anos? Que proxectos tes? Falemos diso. Non che pido que renuncies ao teu pasado, nin que mintas, nin que o esquezas ou o reprimas, só che recomendo lembrar construír a túa identidade día a día cunha porcentaxe maior de presente e de futuro. O teu ego, esa personaxe que construíches durante anos coas vivencias que xustifican a túa personalidade, ten medo e resístese a cambiar, pero a túa alma pide a berros que rompas a maceta na que cres que vives e botes a andar.


Ningún comentario:

Publicar un comentario