2 de dec. de 2016

Como che digo unha cousa dígoche outra

  Unha das miñas historias favoritas conta que un mestre zen estaba tranquilamente descansando no xardín dun mosteiro cando se lle achegou un novicio.
  - Mestre: Deus existe, verdade? -preguntoulle.
  - Si, claro que existe -respondeu el, e o monxe marchou contento.
  De alí a pouco achegóuselle outro novicio e díxolle:
  - Mestre, en realidade Deus non existe, verdade?
  - Non -respondeu el-, non existe.
  Este monxe tamén marchou satisfeito, pero de alí a un pouco achegóuselle outro:
  - Mestre, eu non sei se Deus existe ou non: ti que pensas?
  - Eu tampouco o sei -respondeu el.
  Cando o terceiro monxe marchou achegóuselle outro que estivera todo o tempo alí sentado detrás dun arbusto. 
  - Sei o que fixeches -díxolle-. Oín como ao primeiro monxe lle dixeches que Deus existe, ao segundo dixécheslle que non, e ao terceiro que non sabes. Se non o sabes, por que mintes? Non es máis que un farsante!
  - Díxenlle a cada un o que precisaba oír para seguir o seu camiño, pois cada un ten a súa propia maneira de aprender. O primeiro monxe veu a min coa súa certeza pois el aprende a través da afirmación na súa fe, o segundo aprende mediante a negación e o terceiro mediante a dúbida. Todos os camiños son igualmente dignos de ser percorridos, eu só animei a cada un deles a perseverar no camiño que escolleu. 
  No labirinto da vida e da aprendizaxe, a miúdo me sorprendo a min mesma actuando coma este mestre, malia o desconcerto dos que descobren de cando en vez as miñas supostas contradicións. 
  Cada persoa está nun momento único da súa evolución persoal e cómpre respectalo. Xa sei, moitos de vós pensades que se alguén (por exemplo, eu) descubriu unha verdade importante debe compartila, pero en serio credes que se pode facer mudar de opinión a outra persoa? Cada un cambia de opinión por si mesmo, cando chega ao punto en que a súa vida o pon na disxuntiva de facelo. Discutir con alguén que ten unha certeza non conduce máis que a axudalo a reafirmarse nela. Mellor apóiao naquela traxectoria, de entre as que están disponibles para el nese momento, que conduce a facer que se convirta na mellor versión de si mesmo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario