15 de xul. de 2014

Convertendo o ego no teu aliado

« Se escoitas unha voz dentro de ti dicíndoche "non sabes pintar", pinta, faltaría máis! E a voz calará. »

(Vincent Van Gogh)




O que describe Van Gogh na frase anterior relaciónase co ego, a voz do ego sempre é paralisante. O ego é esa parte de nós que leva o noso nome e a nosa personalidade, a nosa imaxe pública, o que dirán os demais. O ego é conservador e medoño, sempre quere que todo siga igual, o paxaro na man mellor que os cen a voar, o risco mínimo e o non facer nada para non enfrontar a derrota. O ego de entrada nunca nos apoia: avisa, ameaza, asusta, e podes recoñecelo porque fala en segunda persoa. Cando te sorprendas dicíndote a ti mesmo "Vas tropezar, vas fracasar, vanse rir de ti" párate un intre e fíxate nesa parte de ti que fala desa maneira, cunha voz allea: é o ego.
O ego non se pode aniquilar, precisas del, necesitas unha personalidade con que amosarte ao mundo. O máis intelixente, en vez de loitar contra el, é conseguir que se poña da túa parte.
Así que a próxima vez que o ego te ameace, te chantaxee, te paralice, entrégalle todo o teu amor. Pensa que só é un neno asustado que levas dentro da túa cabeza e ten medo e celos de todo o que está fóra, medo de que pase algo que el non poida controlar, medo de que valores máis a outra persoa que a el. Como a calquera neno, dálle todo o teu amor e acougará. Demóstralle que valoras o seu parecer e esperas a súa axuda. Cando esa voz dentro da túa cabeza che diga "Iso nunca o poderás facer" respóndelle cun sorriso: "Eu só non, pero coa túa axuda si, xuntos lograrémolo, apúntaste?"
Normalmente nunca lle respondemos ao ego, pero se es capaz de dicirlle isto verás como un sentimento cálido e tenro te invade por dentro. Ningún ego se negará a axudarte se lle falas realmente, se llo pides como llo pedirías a alguén que estivese fóra de ti, con amor, con respecto e con verdadeira necesidade do seu apoio moral. Fai a proba e sorprenderaste.

Ningún comentario:

Publicar un comentario