En xuño do ano pasado a Lúa chea protagonizou moitos titulares, co nome de “súper lúa” porque era extraordinariamente grande e brillante e en todo o mundo a xente se admirou dela. O termo científico para o fenómeno é “lúa de perixeo” e todos os anos hai algunha sen producir consecuencias extraordinarias.
Este fenómeno ocorre debido a que a Lúa xira arredor da Terra nunha órbita que non é circular, senón elíptica, polo tanto a distancia da Lúa pode variar desde uns 356.000 kms. no punto más próximo á Terra (chamado perixeo) ata uns 406.000 kms. no máis afastado (chamado apoxeo). A Lúa chea pode coincidir en calquera punto da órbita.
Cando coincide perto do apoxeo parece de menor tamaño, e perto do perixeo son as famosas superlúas. No punto máis próximo á Terra o diámetro da Lúa é ata un 13% maior e ata un 30% máis luminosa que no punto máis arredado.
O ano 2014 ten tres superlúas. O 12 de xullo xa puidemos contemplar a primeira, e o 9 de setembro poderemos observar outra. O 10 de agosto, a Lúa volverase chea durante a mesma hora que acontece o perixeo, e isto indiscutiblemente a converte nunha extra súper lúa.
Xa que o brillo desta lúa nos impedirá gozar das Perseidas este ano, polo menos gocemos da propia lúa. Pódese observar a simple vista, pero a visión da saída sobre o horizonte é moi espectacular con prismáticos ou telescopio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario