10 de maio de 2019

Adicto a ti mesmo

Quizais xa te decataches de que en parte viviches unha vida falsa, segundo os estándares dos teus seres queridos e da cultura en que te educaron. Poida que revisases a túa infancia e xa comprendas como influíron en ti os teus pais; poida que mendigases afecto de moitos xeitos, atormentado durante anos pola culpa, ata que un día reuniches o valor necesario para aceptarte a ti mesmo e poñerte no centro da túa procura. Pero a empresa de afondar na túa espiritualidade e no sentido da vida pode conducir a outro calello sen saída: a adicción a ti mesmo.

Un dos síntomas desta adicción é o consumo de produtos espirituais, charlas, obradoiros, retiros, terapias, actividades que te sacan da crúa realidade e en certo sentido constitúen un comportamento de evitación. 

Se observas atentamente ás persoas involucradas nestes camiños (e a ti mesmo) poderás ver o cultivo dunha autoimaxe construída con conceptos espirituais. Este ego espiritual pode manifestarse cunha linguaxe especial, unha estética particular, uns hábitos dietéticos, etc. 

Mencionar o ego nos círculos espirituais é ao mesmo tempo unha moda e un tabú: parece que ter un ego é unha falta grave cando todos o temos, máis ou menos forte, máis ou menos evidente ou escondido tras unha aparencia espiritual. 

Ao mergullar na propia espiritualidade debería influírnos menos o ego, pero nada garante que sexa así. En teoría canta máis espiritualidade máis a persoa se sente en conexión con todo alén de si mesma, máis espiritualidade implica unha redución do narcisismo en todas as áreas da vida. Pero en que consiste esa espiritualidade? Porque non importa o tempo que dediques á túa procura espiriritual senón a onde dirixes a túa atención. 

Pregúntate en que medida a imaxe que proxectas quere xerar un efecto, e ata que punto subscribes a idea de que agora estás máis “evolucionado” que antes por ter unha práctica en concreto, absorto nos teus estados interiores e o culto a ti mesmo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario