Como xorden estes instrumentos? Sospéitase que a súa orixe está intimamente ligada ao desenvolvemento da agricultura hai uns oito milenios, pola a semellanza morfolóxica e construtiva entre os cribos e peneiras e os tambores de marco circulares que resultarían de aproveitar estes útiles para acompañar o canto. Ademais soían ser fabricados polo mesmo tipo de artesáns: os peneireiros, estreitamente relacionados aínda co ciclo dos cereais. Nalgunhas culturas norteafricanas, nomeadamente na bérber, o uso colectivo dos tambores de marcos circulares está aínda intimamente ligado aos traballos agrícolas.
De ser certa esta orixe nas ferramentas de limpeza do cereal, en Galicia gardaríase a memoria de toda unha secuencia evolutiva ancestral que iría desde estas ferramentas agrícolas, pasando polos pandeiros ata as modernas e pequenas pandeiretas.
"Meu pandeiriño redondo,
moito traballo che dan,
de noite tocas na ruada,
de día limpas o gran.
- ¿Tocamos, Manuela?
- Tocamos, Benino:
Ti toca o pandeiro
que eu toco co cribo."
É lóxico que estes instrumentos redondos coma o sol e asociados ao cereal e á colleita se empregasen nos cultos de tipo solar, e tamén probablemente lunar, pois a lúa tamén se tiña en conta para a sementeira e está intimamente relacionada coa fertilidade.
Grandes tambores de marco circular aparecen documentados por primeira vez en Mesopotamia hai máis de 6000 anos, anque isto non significa que teñan alí a súa orixe; as fortes relacións prehistóricas do pobo sumerio con Exipto parece que propiciaron a aparición deste tipo de instrumentos no país dos faraóns, onde se tocaron enormes tambores de marco durante o Imperio Antigo (2700-2200 a.C). Co decorrer do tempo estes tambores foron minguando en tamaño. Durante o Imperio Novo (1550-1070 a.C.) fixéronse moi abundantes, máis que ningún outro, diminuíndo aínda máis o seu tamaño. Os tambores de marco exipcios recibiron o nome de teben, malia haber inscricións máis antigas nos que se denominaban ser. Soamente as mulleres os tocaban, pero por veces represéntase o deus Bes cun tambor de marco, quizais porque na mitoloxía exipcia este deus protexía as parturientes e os acabados de nacer.
Durante este período de tempo os fenicios estiveron en estreito contacto coa cultura exipcia, sendo moi posible que adoptasen os tambores de marco e os fosen espallando por todo o Mediterráneo xunto con outros instrumentos musicais tamén exipcios como os sistros ou os clarinetes duplos. Consérvanse innumerables estatuíñas fenicias nas que se poden ver mulleres tocando tambores de marco circulares.
Ben fose por influencia fenicia, ben porque os seus poboadores xa os coñecían desde o neolítico ou mesmo antes, o caso é que gregos e romanos fixeron tamén abundante uso dos tambores de marco circulares. En Roma foron coñecidos co nome de tympanum, en Grecia co de tympanon. En ambas culturas son ben coñecidos nas iconografías sobre vasos, pinturas murais, mosaicos etc., onde por veces as súas pelicas aparecen pintadas con motivos xeométricos, os marcos ricamente ornamentados e con fitas penduradas. Os documentos conservados amósannos os tambores circulares ligados á escena e aos cultos relixiosos, sendo mulleres as tocadoras por exemplo tanto no culto a Dionisos coma no de Cibeles.
En todas as culturas, modernas ou antigas, onde aparecen estes instrumentos musicais, redondos ou cadrados, o xeito de tocalos é idéntico: sostéñense coa man esquerda e bátese na pel coa man dereita, ben directamente cos dedos, ben empregando un pauciño.
Non deixes de visitar

Ningún comentario:
Publicar un comentario