7 de feb. de 2019

Impuntuais

Algúns dirán que eles non son escravos dos reloxos, senón persoas libres que non dependen de horarios. Outros simplemente non puideron chegar a tempo porque teñen unha vida moi intensa e ocupada. Outros intentárono, pero algo ou alguén llelo impediu. Os impuntuais non cren que sexa unha desconsideración pola súa parte e un maltrato aos demais, senón simplemente un rasgo seu que os outros deben aceptar. 

Ás veces a impuntualidade se dá especialmente en certo tipo de personalidades das que, en xeral, ninguén o esperaría: persoas tremendamente lóxicas, que poden desenvolver patoloxías de tipo obsesivo compulsivo, con comportamentos precisamente opostos á impuntualidade pero, como conduta reactiva, poden ser dramaticamente impuntuais. A impuntualidade tamén pode ser síntoma dunha personalidade de evitación, ou de certa angustia fronte ao encontro cun "Outro". Existen explicacións fisiolóxicas que tamén habería que valorar en cada caso, así como a existencia de TDA e outras características de cada individuo.

Desde o punto de vista protocolar, a impuntualidade denota unha falta de cortesía enorme. O xeralmente admitido como marxe tolerable son dez minutos, anque é certo que a algunhas personalidades da máis alta xerarquía social se lles permite en ocasións chegar máís tarde precisamente para simplificar o protocolo que se daría se tivesen que esperar moito polos demais.

Entre os psicólogos existen varias clasificacións posibles dos impuntuais crónicos, como por exemplo esta:

O racionalizador. El non ve ningún problema de puntualidade, se chega tarde atopa unha explicación onde el é a víctima, considérao un feito aillado e sempre ten a escusa perfecta.

O produtivo. Quere parecer ocupado e xunta os seus compromisos con pouca marxe de separación, así pode dicir que chega tarde porque ten moito que facer.

O que posterga  Deixa todo para o último momento, nunca se programa, cre que baixo presión traballa mellor, abúrrese facilmente e gústalle gozar da adrenalina por iso vai correndo a todas partes.

O consentidor. Admite que ten o costume de chegar tarde pero non pode evitalo, despois de todo non é tan importante, os demais esaxeran...

O distraído. Sempre anda noutro mundo, esquece as citas e demais compromisos.

O relaxado. Ten problemas de autodisciplina e mesmo cando está listo para saír ponse a facer outra cousa, recoller a mesa, tomar outro café, ver a tele...

O rebelde. Non respecta o tempo dos demais, ten problemas coa autoridade e gústalle desafiar as regras, sente que se chega tarde el ten o control.

O evasivo.  Ten pouca autoestima, por iso non asume nin a importancia nin a responsabilidade de chegar puntual.



Para rematar, se te recoñeces nalgún destes caracteres, simplemente trata de admitir que tes un problema e entón poderás comezar a solucionalo.  Se pola contra, tes que sufrir os desplantes sistemáticos de alguén impuntual, deséxoche a paciencia e o humor de Billy Wilder, quen unha vez declarou:


 "Sobre a impuntualidade de Marilyn debo dicir que teño unha vella tía en Viena que estaría no plató todos os días ás seis da mañá e sería capaz de recitar os diálogos incluso do revés. Pero, quen querería vela? Ademais, mentres esperabamos a Marilyn Monroe todo o equipo, non perdemos totalmente o tempo. Eu, por exemplo, tiven a oportunidade de ler "Guerra e Paz" e "Os Miserables".

Ningún comentario:

Publicar un comentario