2 de feb. de 2019
Feliz día da marmota
Hoxe é o día da Candeloria, que se chora medio inverno vai fóra e se ri medio inverno está por vir. En moitas partes do mundo se aplica este cálculo baixo distintos lemas, refráns e tradicións, se mira o tempo que fará hoxe para calcular como será o que resta de inverno. En USA son moitas as marmotas que sairán hoxe e volverán aos seus tobos ou non, dependendo de que se poida ver a súa sombra. De todas as famosas marmotas desta coñecida práctica sen dúbida Phil é a nosa favorita. Hoxe é un bo día para revisar este pequeno clásico do cine, Atrapado no tempo (1993), apto para toda a familia e que vai camiño de se converter en cinta de culto.
Algunhas curiosidades sobre a película que che gustará saber, en cinemanía.
A min encántame esta película por varias razóns, non todas cinematográficas. Sempre pensei que a experiencia de Phil Connors resume moi ben o que son as diferentes vidas que atravesamos no proceso de adquisición de consciencia. O que para el aparece como un día (un día que se repite inexorablemente) podemos interpretalo como unha vida enteira (vidas que repetimos, con frecuencia cometendo os mesmos erros unha e outra vez, anque nos pareza que cambiamos seguimos actuando igual en esencia).
En fin, polo menos Connors ten unha vantaxe/desvantaxe da que nós carecemos cada vez que espertamos nunha nova vida: a memoria. Dá para pensar. Se tivesemos o coñecemento de todas as nosas outras vidas, axudaríanos a tomar as decisións correctas?
Labels:
consciencia,
humor,
iluminación,
películas
Entradas relacionadas:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)

Ningún comentario:
Publicar un comentario