O comezo do ano soe traer consigo un subidón que nos leva a facer listaxes de bos propósitos, pero se facemos unha listaxe moi longa, ou que non responde aos nosos intereses reais, ou se queremos implementar cambios radicais na nosa vida dun día para outro e o esforzo supón un desgaste excesivo (físico, mental ou emocional) o máis normal é que acabemos abandonando.
Se é o teu caso, se fixeches unha listaxe de bos propósitos, pensa en acometelos de un en un, non todos de golpe. Pensa en algo coma o
método Kaizen, que consiste en ir introducindo pequenos cambios imperceptibles. Procura velos como un proxecto anual, un plan de implantación progresiva. Por exemplo, se queres deixar de fumar, facer exercicio, apuntarte a clase de inglés, conseguir un ascenso e operar o nariz, seguramente sexa mala idea querer facer realidade todo ese paquete desde o primeiro día do mes de xaneiro: mellor elixe un deses obxectivos e cando o logres pasa ao seguinte. Senta a planificalos, observa que necesitas para cada un deles e decide en que orde o farás. Por exemplo: tes vez para operarte en marzo, talvez despois da operación sexa o momento idóneo para deixar de fumar, e cando te reincorpores ao traballo poderás centrarte en lograr ese ansiado ascenso, porque coller unha baixa xusto despois de que te ascendan pode non ser a mellor estratexia. Polo tanto de aquí a marzo deberás centrarte en facer exercicio e estudar inglés, anque sigas fumando un cigarro de vez en cando.
Se, pola contra, queres mellorar a túa vida pero non se che ocorre ningún bo propósito para facelo, ofrézoche algunhas ideas:
1. Busca obxectivos en conexión cos teus verdadeiros intereses. Trata de descubrir cal é o teu elemento, e proponte lograr cousas para o teu benestar e a túa satisfacción persoal, non para agradar a terceiros.
2. Se o anterior che resulta difícil de definir deberías comezar por mellorar o teu autocoñecemento: dedica un tempo de introspeccion cada día: meditación, ioga, pasear a soas na natureza, respiración consciente, pintar mandalas... Non importa moito que técnica elixas finalmente, o importante é a práctica asidua e consciente. Co tempo estarás máis centrado e pensarás con máis claridade.
3. Anota os teus hábitos e mira cales che prexudican para deixalos. Pode tratarse de fumar, pero tamén de comer dun xeito pouco saudable, de pasar o tempo de ocio estomballado no sofá, de manter relacións tóxicas ou crenzas limitantes. Se é preciso, busca axuda profesional. Pedir axuda é o máis intelixente se o precisas, non o consideres unha debilidade.
4. Non descoides a túa saúde física, revisións médicas, boa alimentación, horas de sono, exercicio físico.
5. Socializa, sae cos teus amigos, dedícalles tempo de calidade, mesmo que esteas ata as cellas de traballo. Unha tarde de descanso en boa compañía proporcionarache forzas para rendir máis ao día seguinte. Ás veces estamos atoados nun problema e insistimos en seguir dándolle voltas inutilmente cando un bo paseo pola praia cos amigos nos daría o descanso suficiente e a perspectiva necesaria para retomar o problema despois e velo con máis claridade.
Sobre todo, ten un MOI FELIZ ANO NOVO, todos os días. Que sempre ao espertar cada mañá sexas capaz de gozar do que tes e sentirte afortunado.