Axiña chegan as festas do Nadal, esa data tan especial do ano, chea de espectativas e decepcións, un tremendo espello para cada un de nós, sobre o cal proxectamos as nosas esperanzas e os nosos traumas:
As lembranzas tristes de todas as veces que nos sentimos estafados, a hipocresía dunha sociedade que parece impoñer a orde de ser felices e gastar estupidamente en regalos innecesarios, o absurdo das reunións (familiares ou de traballo) arredor dunha mesa excesiva con xente que non vemos o resto do ano e nos fai sentir incómodos, a lembranza dos que están ausentes talvez mesmo para sempre, a tristeza do ano que remata con todo o que non saiu como esperabamos, a incertidume do que está por vir cos seus bos propósitos imposibles...
En fin, a indixestión, a resaca, os números vermellos, o frío e as escasas horas de luz que inflúen no noso ánimo, a depresión, a gripe...
Pero tamén temos uns días festivos para recuperarnos, un solsticio para conectar coas enerxías cósmicas e potenciar a nosa intención para atraer o que queremos na nosa vida, un fin de ano e polo tanto fin de ciclo para realizar algún ritual de agradecemento polos bens recibidos e felicitarnos polos logros, pondo a semente do que queremos para o novo ano. Unha oportunidade de estar coas persoas realmente importantes para nós, un tempo de interiorizar e reflectir sobre os nosos valores.
O Nadal non é bo nin malo nin deprimente nin amoroso nin nada que ti non poñas nel. Simplemente, elixe como queres que sexa, elixe onde queres estar, e con quen, facendo que. E faino. Se non o fas, se te deixas enredar na espiral de gastos irreflexivos, comidas prexudiciais, compañías tóxicas, etc, es ti quen está a converter o Nadal nun pesadelo. Aínda estás a tempo: o Nadal que queres está na túa man.

Ningún comentario:
Publicar un comentario