A resiliencia é a capacidade de afrontar crises ou traumas e saír fortalecidos. As persoas resilientes son como as plantas da vexetación dunar que se adaptaron ás circunstancias adversas (solo areoso, salitre) e utilizan esas situacións para crecer e desenvolver ao máximo o seu potencial.Unha persoa resiliente non considera que a vida é dura senón que hai momentos difíciles. Isto significa que é capaz de ver máis aló dun problema, saber que é pasaxeiro, conservar o bo humor e confiar na súa capacidade de recuperarse.
A resiliencia non é unha calidade innata, non está impresa nos nosos xens, senón que é algo para desenvolver ao longo da vida. Hai persoas resilientes xa desde a infancia porque tiveron acceso a bos modelos que imitar, mentres que outras atoparon o camiño por si soas, pero dun xeito ou outro todos podemos aprender a ser resilientes, loitar contra a adversidade, asumir o fracaso sen desesperar, dar o mellor de nós mesmos e seguir adiante cos diferentes retos da vida.
Se queres comezar a comportarte como unha persoa resiliente ten en conta o seguinte:
1. Unha persoa resiliente coñécese a si mesma, é consciente dos seus puntos fortes e dos seus límites, por iso é realista, non se culpa en exceso nin se obsesiona co perfeccionismo, ponse metas máis obxectivas que non só teñan en conta as súas necesidades ou soños, senón tamén os recursos realmente disponibles.
2. Ante unha dificultade non te quedes paralisado querendo borrala da túa vida e regresar a como era "antes" de que o problema aparecese: mellor asume que é un reto, unha oportunidade para aprender a facer cousas diferentes usando a túa creatividade. Non creas que a creatividade é unha especie de talento artístico innato, senón máis ben a capacidade de aproveitar as ocasións que se presenten para introducir cambios na túa vida. Non te limites a resolver un problema volvendo á situación anterior senón máis ben tenta de crear algo novo.
3. Non te peches en ti mesmo, non tes que resolvelo todo en solitario: podes traballar en equipo, consultar, delegar e por suposto pedir axuda, acudindo a un profesional se é necesario.
4. Vive sempre o momento presente, sen darlle voltas ao que xa pasou nin intentar prever o que pasará: mellor traballa na aceptación da realidade do momento actual. Anque teñas un asunto importante que resolver, a maneira de resolvelo non é, por exemplo, obsesionarte con que tes que ir ao banco mañá en canto abra, aproveita o día de hoxe para as actividades de hoxe e xa te ocuparás dese asunto mañá, pois estar hoxe matinando sobre iso realmente te desgasta.
5. Rodéate de persoas que teñan esas actitudes que queres aprender. Non vas poder desenvolver un pensamento positivo se estás sempre con persoas queixosas e sentenciosas que repiten consignas como que "un optimista é un pesimista mal informado". Tampouco te deixes manipular por "vampiros emocionais" que continuamente te necesitan e che fan sentir culpable se non estás á súa disposición.
6. Non intentes controlar o tempo todo, esa é unha fonte de tensión e estrés que causa sentimentos de culpa, inseguridade, baixa autoestima. Aprende a sentirte cómodo anque non teñas o control, pois a vida é unha partida onde ti non es o único xogador, tes que deixar que outros tamén movan peza e aceptar os imprevistos que isto produce como parte do pracer do xogo.
7. Non confundas a perseverancia coa tozudez. Hai máis dunha maneira de conseguir un propósito: sé flexible e paciente, contempla cada problema desde diferentes ángulos, renunciando ao teu plan inicial cando se che presente outro mellor. Ás veces semella que as circunstancias insisten en levarte por un camiño que se cadra che convén pero resísteste a el por medo ao descoñecido, por inercia ou por orgullo ("sostenella e non enmendalla"). Non fagas iso, mellor "déixate fluír" coa corrente da vida.
8. Persegue os teus soños, a túa realización persoal. Isto é o que chaman motivación interna: facer aquilo que che gusta e che fai sentir feliz e realizado, non o que outros che presionan a facer ou o que cres que necesitas demostrarlles.
9. Non perdas o sentido do humor. Nada é tan serio e solemne que non poida ser obxecto de burla, nin sequera ti mesmo. Rir dos problemas establece con eles unha distancia que ás veces nos dá a perspectiva necesaria para atopar solucións innovadoras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario