Permitir os imprevistos na túa vida é unha das técnicas recomendadas para estimular a creatividade. Por exemplo, a min me gusta ir con tempo aos sitios para poder aproveitar todos os imprevistos que xurdan, ao ir con tempo de sobra creo ese espazo para eles no momento en que me dirixo a calquera lugar, así podo pararme a conversar con alguén a quen non esperaba atopar, dar un rodeo para ver algo inesperado, entrar a mercar calquera cousa que vin nunha tenda de socato, facer unha fotografía preciosa dun bechoco ou planta ou solpor que me chamou a atención...
Se queres cousas novas na túa vida lémbrate de permitir que sucedan. Como o Rei Artur, que nas grandes celebracións sentaba á mesa con toda a súa corte a esperar que sucedese algo marabilloso, e ninguén comezaba a xantar ata que non se presentaba algún prodixio ou a ocasión dalgunha gran aventura.
Deixa sempre espazo e tempo para os imprevistos na túa vida. Son refrescantes e motivadores e aportan moita enerxía.
Ningún comentario:
Publicar un comentario