12 de xul. de 2015

Para saír do sufrimento

     Ás veces non sabemos que é exactamente o que nos fai sufrir, podemos pensar que procede do exterior pero en realidade temos unha serie de crenzas limitantes que nos impiden actuar para resolver a situación, como cando creo que un suceso do pasado vai condicionar toda a miña vida futura, ou que non importa que a miña parella me meltrate de cando en vez. Adoita ser útil compartir o problema con alguén máis obxectivo, como un amigo ou un terapeuta. Pecharte en ti mesmo e as túas preocupacións aumentaría a túa tristeza, mellor achégate a persoas que che fagan sentir ben e cóntalles o que che preocupa. Somos seres sociais e necesitamos compartir, desafogarnos, dar e recibir apoio e afecto.
     A tristeza prolongada pode converterse nunha rutina e entón chegamos a esquecer como se senten outras cousas e xa non sabemos saír desta situación. Nese caso podemos dar pequenos pasos para recuperar outras emocións ademais da tristeza: sexa o que sexa o que te atormenta, non intentes facer o esforzo sobrehumano de ignoralo, só concédete cada día un tempo de descanso e alegría. Busca algo que poidas gozar nese momento, se é posible ao aire libre, no campo ou polo menos nun parque. Aínda que de entrada non che apeteza, unha vez alí a túa mente vaise despexar e permitirá que aparezan ideas novas, entre elas talvez unha solución ao teu problema. Non é fácil concedernos un paréntesis na nosa dor, podemos chegar a sentirnos culpables de estar gozando dun intre de diversión, ou ata volvernos incapaces de relaxarnos e pasalo ben porque deixamos asuntos por resolver en calquera área de vida, sexa laboral ou persoal. Como a gran maioría das preocupacións proceden de recordos pasados ou temores futuros, se consegues permanecer no presente sentiraste mellor. Proba a poñer unha alarma no móbil e dicirte a ti mesmo: "Podo deixar de pensar neste problema durante vinte minutos e prestar toda a miña atención ao que realmente estou facendo agora; a miña mente descansará, recuperarase do estrés e despois será máis eficaz, estarei máis lúcido e atoparei unha solución, así que este descanso en realidade faime avanzar cara á solución do problema".
   Practica o perdón. Moitas veces nós somos os nosos peores xuíces, así que non sexas tan duro contigo mesmo, acepta a responsabilidade pero non a culpa, fai o que estea na túa man para reparar o dano que causaches ou che causaron e despois segue adiante sen cargar máis con ese peso. Non te acostumes ao sufrimento, non te quedes no papel de vítima nin no de culpable, podes saír de ambos a través do perdón, e é a única vía porque non podes cambiar o pasado, só aceptalo e darlle un sentido novo na túa vida, agradecendo as aprendizaxes que che aportou e seguindo adiante.


(fermosa escultura de Zenos Frudakis, Philadelphia, EE.UU)

Ningún comentario:

Publicar un comentario