21 de ago. de 2013

O terceiro sexo existe desde tempo inmemorial

Ardha Narīshuar,
representación de Shiva con
ambas enerxías masculina e feminina 
Non é unha "verdade natural" a división da humanidade en homes e mulleres, é un feito que se dá en moitos casos, a maioría certamente, pero non todos, e son intereses ideolóxicos os que fan prosperar unhas formas da realidade sobre outras que se negan, se ocultan e se reprimen pola forza, pola forza do discurso relixioso, filosófico, político e médico, bisturí en man. Por outra banda non deixa de ser gracioso que a Igrexa Católica se opoña a admitir a existencia dun terceiro sexo en nome dunha "verdade natural" coma se eles se caracterizasen por defender as verdades naturais, comezando pola resurrección do corpo físico e a súa posterior ascensión aos ceos, cousa que como "verdade natural" é bastante discutíbel.
Hai persoas que cando nacen resulta imposíbel determinar se son homes ou mulleres. Son unha minoría, pero ao parecer unha minoría nada desprezábel visto que en Alemaña existen cifras ao respecto e se estiman nuns 400 nacementos ao ano destas características (xa me gustaría ver as estatísticas doutros países... se as houbese). Obrígase aos seus pais a inscribilos no rexistro baixo un sexo, sen que o interesado teña a menor oportunidade de pronunciarse, e máis adiante resultaralle imposible rectificar esta inscripción a non ser que presente certificado médico de que se operou.
Algúns titulares que vimos en certos medios onte e hoxe, a propósito da decisión de Alemaña de recoñecer a existencia doutra posibilidade fóra de varón ou femia, din cousas como "Alemaña crea o terceiro sexo" coma se fose un experimento de laboratorio. Alemaña non crea nada, simplemente deixa de obrigar aos pais a decidir, pouco menos que aleatoriamente, o sexo dos seus fillos cando sexa indefinido. Alemaña tampouco é pioneira de nada, nin sequera no "mundo occidental" xa que existen outros países onde xa se contempla legalmente esa realidade, non só a India ou Thailandia, tamén en Australia é posíbel desde o pasado mes de maio. E non se está creando un terceiro sexo en absoluto, nin sequera admitindo a súa existencia, xa que de momento o único que se permite é deixar en branco unha casilla dun impreso, pero a nosa sociedade obrigará a esa persoa tarde ou cedo a definirse.
Que un ser humano poida decidir libremente a que sexo pertence é un gran avance e débese, como sempre, á denuncia dunha persoa particular que elevou as súas reivindicacións e é por iso un exemplo a seguir, pois xa sabemos que os nosos gobernantes non farán nada por nós se non llelo reclamamos. Pero aínda queda un longo camiño: o camiño para que ese ser humano non teña que definirse nin como varón nin como femia no futuro, que non se vexa obrigado a adquirir unha destas identidades en detrimento da outra se non é iso o que sente, porque só é un engano social, un lamentábel autoengano, unha fraude nas súas relacións persoais e unha vida frustrada.
A espiritualidade pasa en primeiro lugar por recoñecer as propias verdades e expresalas no mundo. Adquirir consciencia e desenvolvela implica non mentirse a un mesmo nin á sociedade, e se unha alma elixiu o tortuoso camiño de experimentarse a si mesma en dous sexos simultaneamente, merece como mínimo o meu respecto. Se un día se decanta por ser unha cousa ou a outra entendo que ten ese dereito, pero se desexa vivir con ambos sexos no seu corpo non se lle debe obrigar a mutilarse nin fisica nin emocional nin socialmente.

wikipedia
noite temática

OM NAMAH SHIVAYA


O recoñecemento dun sexo diferente do masculino e o feminino non debería ser traumático para a nosa sociedade, pero os europeos occidentais da era moderna temos unha venda nos ollos con este tema e non é doado que a quitemos, pois levamos moitos séculos (mesmo milenios) de represión.
Xa que estamos próximos a Ganesha Chaturti, coméntovos que no hinduísmo non hai supremacía dun sexo sobre outro e moitos dos deuses están casados integrando a través da parella divina ambas enerxías, masculina e feminina, mentres que outros deuses/deusas teñen rasgos de ambos sexos, ou se transformaron algunha vez mudando de sexo (Visnú, Shiva, Krisna entre outros). Por iso é moi antiga a aceptación da existencia dun "terceiro sexo" e se a consideración social das hijras diminuiu na época moderna é debido en boa medida á ideoloxía do imperialismo británico. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario