18 de ago. de 2013

Ganesh Chaturthi

          Ganesh Chaturthi é o festival que celebra o nacemento de Ganesha, un dos eventos máis alegres do ano. Celébrase con moitísimo entusiasmo e devoción por toda a India, durando ata dez días durante os que se colocan imaxes de Ganesha nas casas, nas rúas, en altares, por todas partes, para que toda a xente teña ocasión de presentarlle homenaxe. En moitas vilas e cidades é costume construír unha gran imaxe de Ganesha en papel maché e ofrecerlle doces, flores, cocos, etc. así como oracións, cantos e todo tipo de espectáculos festivos. Son dez días de festa rachada, con actuacións musicais e teatrais en escenarios improvisados, proxección de películas, ofrécese atención médica gratuita, fanse doazóns de sangue e repártense esmolas aos pobres. O último día remata coa inmersión da estatua de Ganesha no mar. Todos lle pediron que aparte deles as penas, enfermidades, problemas e obstáculos en xeral, así que o Señor Ganesha marcha levando consigo todas as dificultades que tiñan os seus devotos. A imaxe debe ser enviada lonxe, canto máis lonxe e profundo se mande mellor será o resultado e se pola contra se gardase algo da celebración, anque só sexa unha flor, os problemas non se irán. Hai zonas onde non hai mar e nese caso a imaxe bótase nalgún río, regato ou fonte de auga.

O aniversario de Ganesha é o cuarto día da última lúa crecente do verán,
que como vedes este ano será o nove de setembro
(
http://www.tutiempo.net/luna/fases.htm)

          Vivo na Galiza, non na India, e ademais a conciencia ecolóxica me impide tirar cousas así tan alegremente ao mar. Por outra parte sabemos que o demo mora nos detalles e un exceso de perfeccionismo pode paralisar a calquera, así que en conclusión, prefiro facer algo moi simple, algo fácil acompañado sen máis dun sentimento sincero. Esta é a miña proposta:
          Recoméndovos que imprimades unha imaxe de Ganesha para colorear (hai moitas na Rede) e pintádea con amor e gratitude pensando nesas cousas que van desaparecer da vosa vida. Escribide nunha pedra pequena que é o que queredes que desapareza. O día 9 achegádevos a unha corrente de auga e tirade a pedra envolta no mandala de papel. E xa me contaredes de hoxe nun ano!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario