16 de xul. de 2017

Como arruinar a túa vida

Todos son a darnos consellos sobre como conducirnos, cheos de amabilidade... ou condescendencia.
Eu hoxe voulle dar a volta á tortilla propoñéndovos condutas prexudiciais... Talvez probar estes comportamentos nos leve a darnos conta, mellor que ningún libro de autoaxuda, de que é o que non funciona e por que. Alá van!

1. Preocúpate por cousas que non se poden cambiar.
Todo o que está mal debe ser obxecto da túa atención, non o pases por alto anque non estea na túa man solucionalo, quéixate e non deixes de pensar no inxusta que é a vida e o mal que está todo.
Isto tamén vale para as cousas pequenas da vida, e para a túa biografía persoal: aquilo que fixeches e saiu mal, non deixes de reprocharte o mal que o fixeches e antes de volver a tomar calquera iniciativa lembra o mal que che saiu a vez anterior. Ten en conta o torpe que fuches, a túa lentitude en reaccionar, as dúbidas que te asaltaron. Ten sempre presentes os erros pasados coa esperanza de que iso che axude.

2. Se é difícil, renuncia.
Para que esforzarte se total non o vas conseguir? Así que mellor déixao a metade de camiño. Toda renuncia é unha derrota, pero polo menos non te cansarás (e se tes por costume repetirte no futuro o mal que o fixeches, con maior motivo...) As persoas que se orgullan de intentalo son unhas pánfilas, ti es máis listo e podes gabarte de que nin sequera o intentaches.

3. Tómate todo en serio.
Ti es demasiado importante como para que se rían de ti, demasiado incluso para rirte de ti mesmo. Ti es unha persoa seria e mereces que se te tome en serio sempre. O éxito e o fracaso son fundamentais e non é cousa de risa.

4. Non fagas exercicio. 
O importante é a túa mente privilexiada, non estás para perder o tempo dando un paseo ou xogando ao fútbol cos amigos, que vulgaridade, que banalidade! Non precisas diso nin para as túas relacións sociais nuin para a túa saúde: se algún día te sentes enfermo xa tomarás un medicamento, o exercicio non garante para nada que vaias ter boa saúde nin durmir mellor nin estar máis feliz.

5. Ponte metas de perfección, anque sexan pouco realistas.
Se cres que unha cousa debe ser é que debe ser, e hai que loitar por ela tal como a concebiches na túa mente, non intentes negociar nin poñer metas máis doadas a curto prazo, non sexas flexible, mantente na túa idea inicial porque era perfecta.

6. Come o que che apeteza.
Non sempre podes facer comidas saudables, moitas veces comes fóra ou non tes tempo porque es unha persoa moi ocupada e a comida non é vital, o importante é o teu traballo e a túa relevancia social. Ademais non se pode estar sempre a dieta!

7. Non necesitas durmir oito horas. 
Iso é para os nenos que están en fase de crecemento, ti es un adulto. Adamais, aos rapaces díselles que vaian para a cama para que deixen en paz aos adultos despois de cear, pero en realidade quen quere durmir toda a noite?

8. Repasa os teus defectos.
Estuda as túas debilidades para perfeccionarte. As túas capacidades e méritos xa están conseguidos, para que ocuparse deles? Agora o que tes que facer é centrarte no que che falta e dedicarte plenamente ás cousas que fas mal.

9. Traballa máis.
Que é traballar en exceso? Como se pode crer que se traballa en exceso mentres aínda quede algo por facer? Un día de descanso é unha perda de tempo, e nesta sociedade tan competitiva non te podes permitir iso.

10. Quédate na zona de confort. 
É a zona onde estás a salvo, sen correr riscos. Para que saír, esforzarte en coñecer xente nova, cambiar de hábitos, etc., cando xa sabes o que che gusta e para ti iso é o que funciona?

11. Preocúpate moito da opinión dos demais.
Os demais son a medida do teu éxito, eles comentan se es un triunfador ou un fracasado, e tamén se es ou non unha boa persoa, porque, como pode ser que lle caias mal a alguén, se es un ser bondadoso, intelixente, traballador, serio, responsable, solidario...? É inconcebible que a alguén non lle gustes. Ti deberías gustarlle a todo o mundo, esfórzate en comprobar se é así, tanto no contacto directo como nas redes sociais.

12. Fala mal dos outros. 
Facendo que se noten os fallos dos demais ti por contraste brillarás máis. Ao ver que os demais son peores ca ti sentiraste mellor.

13. Sen perdón.
Cando alguén che fai mal o lóxico é devolverllo, é unha cuestión de xustiza. En todo caso podes "perdoar pero non esquecer", é dicir, esa persoa queda marcada para sempre, agora xa sabes que nunca poderás volver a confiar nela. Sempre terás presente o que pasou porque ela cho debe!


E xa que estamos falando en negativo, non deixes de ver tamén 10 actitudes no traballo que che fan perder oportunidades.

Ningún comentario:

Publicar un comentario