A escoita activa é unha forma de axuda ao alcance de todos. Consiste en prestar atención conscientemente ao noso interlocutor e ademais conseguir que se decate desta atención que lle prestamos, que se sinta comprendido, a gusto, e polo tanto esforzarase por explicarse, dará máis detalles e quererá seguir falando incluso anque non poidamos prestarlle ningunha outra axuda máis que escoitalo.
A escoita activa permite, polo tanto, conseguir máis información, afondar noutros puntos de vista e traballar en cooperación con outras persoas. Chámase "activa" porque require un esforzo consciente, pero non debe confundirse coas típicas estratexias para que a outra persoa crea que estás escoitando, (iso sería simplemente finxir que estás atento). Na escoita activa dedícaslle realmente, sinceramente, totalmente, a túa atención a alguén, tanto ao que di como ao que sente, e isto crea proximidade e seguridade. Por iso a escoita activa ten un marabilloso poder curativo sobre a persoa escoitada: expresándose libremente nun clima de confianza e apoio, a xente comeza a sentirse mellor, aumenta a autoconfianza e atopa por si mesma a solución aos seus problemas.
A maioría dos problemas son dúbidas á hora de facer unha elección importante. Ti podes converterte no catalizador necesario para que a xente organice os seus sentimentos e se sinta máis segura para tomar decisións.
Lamentablemente a maioría da xente non practica a escoita activa, porque require esforzo e porque todos queren falar de si mesmos. Pero se queres comezar a practicar para converterte nun bo oínte, ten en conta os seguintes consellos:
1. Pon toda a túa atención na conversa que estás mantendo. Non mandes mensaxes nin mires a tele ao mesmo tempo, mira ao teu interlocutor e trata de profundizar no significado do que che está dicindo, tanto nas palabras como nas emocións que cres que sente. Tenta de conectar sinceramente con el e comprendelo.
2. Responde aos sentimentos e non só ás palabras. Procura percibir ambas cousas porque a verdadeira mensaxe soe estar nas emocións da persoa e non nas frases que pronuncia. Fixarte na comunicación non verbal será de gran axuda para isto.
3. Evita xulgar ao teu interlocutor, dicirlle o que fixo ben e o que fixo mal, o que farías ti no mesmo caso ou contarlle aquela vez que a ti che pasou algo parecido, ou peor. Evita darlle consellos, incluso anque chos pida, pois é preferible que o axudes a que tome as súas propias decisións. Trata mellor de facerlle preguntas sobre como se sente e o que realmente necesita ou quere conseguir, e cal lle parece o camiño para conseguilo, pero non elixas por el, nin proxectes sobre el os teus propios sentimentos e necesidades. Non intentes resolverlle a vida por moi claro que o vexas, pois o que lle fai falla é pasar por ese proceso por si mesmo,
4. Non interrumpas, anque creas que xa sabes o que che vai dicir, porque do que se trata é de que el organice os seus pensamentos e os aclare, e interrumpilo só lle envía unha mensaxe sobre o pouco importante que é, o lento que é expresándose, o superior que ti es en todo. Estás nalgunha especie de competición ou carreira, ou tentando de demostrar algo? Entón non estás axudando.5. Axúdalle a expresarse: preguntando, repetindo o que acaba de dicir cando se atasque, lembrándolle detalles doutras conversas que tivestes sobre o mesmo tema, asentindo coa cabeza, reconducindo a conversa de volta ao tema no caso de que se disperse.
6. Demóstralle que estás con el, ao seu nivel e non nalgunha especie de pedestal terapéutico. Isto podes facelo compartindo os teus sentimentos (sinto moito que che pasase iso), ou interpretando os del (e iso púxoche triste?)
Neste excelente blog sobre habilidades sociais atoparás máis información sobre a escoita activa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario