10 de abr. de 2017

A voltas co terceiro sexo

Ardha Narīshuar,
representación de Shiva con
ambas enerxías masculina e feminina 

O recoñecemento dun sexo diferente do masculino e o feminino non debería ser tan traumático para a nosa sociedade, pero os europeos occidentais da era moderna temos unha venda nos ollos con este tema e non é doado que a quitemos, pois levamos moitos séculos, por non dicir milenios, de represión.
No hinduísmo non hai supremacía dun sexo sobre outro, moitos dos deuses están casados integrando a través da parella divina ambas enerxías, masculina e feminina, e os deuses principais (inclusive Visnú, Shiva e Krisna) se transformaron algunha vez mudando de sexo. Por iso é moi antiga a aceptación da existencia dun "terceiro sexo".
Digámolo unha vez máis: non é unha "verdade natural" a división da humanidade en homes e mulleres, é un feito que se dá en moitos casos, a maioría certamente, pero non todos, e son intereses ideolóxicos os que fan prosperar unhas formas da realidade sobre outras que se negan, se ocultan e se reprimen pola forza do discurso relixioso, filosófico, político e médico, bisturí en man.
Hai persoas que cando nacen resulta imposíbel determinar se son homes ou mulleres. Son unha minoría, pero o 1,7% da poboación mundial non merece ser ignorado, reprimido e obrigado a inscribirse no rexistro baixo un sexo que non describe a súa realidade.
Que un ser humano poida decidir libremente a que sexo pertence sería un gran avance e cada vez son máis as persoas que se atreven a expoñer as súas reivindicacións neste sentido. Lea TAndreja Pejic, Hanne Gaby Odiele, entre outras, abren camiño no difícil territorio da moda e os estándares de beleza da nosa sociedade. Pero aínda queda un longo camiño: o camiño para que un ser humano non teña que adquirir unha identidade masculina ou feminina en detrimento da outra se non é iso o que sente, porque só é unha fraude e unha vida frustrada.
A espiritualidade pasa en primeiro lugar por recoñecer as propias verdades e expresalas no mundo. Adquirir consciencia e desenvolvela implica non mentirse a un mesmo nin á sociedade, e se unha alma elixiu o tortuoso camiño de experimentarse a si mesma en dous sexos simultaneamente, merece como mínimo o meu respecto. Se un día se decanta por ser unha cousa ou a outra entendo que ten ese dereito, pero se desexa vivir con ambos sexos no seu corpo non se lle debe obrigar a mutilarse nin fisica nin emocional nin socialmente.

wikipedia
noite temática

Ningún comentario:

Publicar un comentario