21 de maio de 2017

Sete actitudes que demostran a túa fortaleza mental e emocional

1. Nunca renuncias ao teu poder persoal:

Non te deixas utilizar, non te sometes á vontade de ninguén, elixes o mellor en cada momento. Non dis cousas como "o meu xefe faime sentir mal", porque ti es dono de ti mesmo e ninguén pode obrigarte a "sentir", ti es o único dono das túas emocións e o único responsable de como reaccionas nunha situación. Rodéaste de xente positiva. Non perdes o tempo escoitando queixumes de persoas chorimiqueiras que fan da queixa un fin en si mesmo e non están dispostas a cambiar. Ao final,  as persoas negativas acaban por evitarte. Tendes a sorrir e rir moito e atraes outras persoas positivas. A túa calidez, apertura e actitude fai que outros te vexan digno de confianza. Es capaz de poñer límites e ser firme cando é necesario. Aínda que o teu carácter amistoso pode facer que parezas presa fácil para algúns, levarán unha sorpresa cando te vexan poñer límites e manterte firme. Pensas antes de falar e daste tempo para acougar se notas que as túas emocións queren rebordar. Esfórzaste en ser amable e xusto, e comprendes que outras persoas se alteren por non conseguir o que querían. Non fas inimigos innecesarios pero sabes que non hai que agradar a todo o mundo todo o tempo, respectas o teu tempo persoal, os teus intereses e compromisos, así que non tes medo de dicirlle "non" a alguén e manterte firme se é necesario. Toleras ben a soidade e non temes o silencio, podes estar a soas cos teus pensamentos, gozas deses momentos, non dependes todo o tempo da presenza doutros para ser feliz.

2. Aceptas os cambios:

Non tratas de evitar os cambios, acéptalos porque es flexible e confías na túa propia capacidade para adaptarte. Sempre estás disposto a aprender e por iso estás en constante crecemento e evolución, aberto a novas ideas e a aprender dos demais, incluso a cambiar de opinión se alguén presenta unha idea mellor que a túa. En última instancia, confías en ti mesmo e no teu propio xuízo para tomar a mellor decisión en cada momento. Non te lanzas á aventura sen pensar, pero es capaz de asumir riscos controlados. Dedicas o tempo que necesites a sopesar os riscos e beneficios antes de tomar unha decisión importante, infórmaste ben e despois pasas á acción.

3. Perseveras tras un revés:
Cando te esforzas para poñerte en forma ou levantar un novo negocio, non esperas resultados inmediatos. Aplicas as túas habilidades e tempo ao máximo e entendes que os cambios reais levan tempo. Non ves o fracaso como un motivo para abandonar. Utilizas o fracaso como unha oportunidade para crecer e mellorar. Tes vontade para seguir intentándoo ata que o consegues.

4. Miras para diante:
Non perdes tempo sentindo nostalxia do pasado nin desexando que as cousas puidesen ser diferentes. Pensas cara a adiante e estás disposto  a deixar atrás o pasado, asúmelo e podes dicir o que aprendiches del, con todo non estás revivindo constantemente as túas malas experiencias ou os vellos e bos tempos. Centras a túa vida no presente e fas plans para o futuro. Aprendes dos teus erros pasados e non os proxectas ao futuro, non cres que o fracaso vaia repetirse. Non perdes tempo autocompadecéndote ou lamentando como outras persoas se portaron contigo. En cambio, asumes a responsabilidade polos teus propios actos e entendes que a vida non sempre é fácil ou xusta. Es capaz de superar os conflitos onde te involucras cos demais. Non te aferras á ira polo que outros consideran de ti ou che fixeron, en lugar diso, usas o incidente para crear conciencia sobre a forma de NON deixar que suceda de novo e é improbable que se aproveiten de ti novamente no mesmo conxunto de circunstancias.
Aceptas a responsabilidade pola túa conduta e aprendes dos erros pasados. Como resultado, non repites unha e outra vez eses erros. En cambio es capaz de pasar páxina e tomar decisións máis intelixentes grazas á túa experiencia.

5. Elixes ben en que gastar a túa enerxía:
Nunca te oín queixarte do mal tempo, do tráfico ou das obras na autovía: céntraste nos aspectos da vida que podes controlar. Recoñeces que, ás veces, o único que podes controlar é a túa propia actitude e concéntraste no positivo. Sen ignorar as malas noticias, tomaches a decisión consciente de non gastar demasiado do teu tempo e enerxía no irresoluble, prefires atopar solucións a un problema concreto, actuar sobre as cousas que realmente están baixo o teu control.

6. Non cres que o mundo che deba nada:
Non te sentes inxustamente tratado, non cres que outros deban ocuparse de ti, darche algo, remunerarte ou agradecerche o que levas feito. O que fas prodúceche a satisfacción persoal de facelo e non o fas por outro motivo, non tes móbiles ocultos como a necesidade de demostrar a túa valía, de que te admiren ou de que te amen, sabes que mereces o verdadeiro amor, que é de balde. Por iso mesmo podes celebrar o éxito doutros na vida, sen competir con eles, sen sentir envexa nin pensar que te superan. Recoñeces que o éxito vén do traballo duro e gozas esforzándote.

7. Procuras facer a vida máis divertida, fermosa, feliz, e interesante:
Xa sexa no traballo, na casa, ou cos amigos, sabes o que nos fai felices e buscas oportunidades para o benestar. Sentes pracer e satisfacción ao ver aos demais felices e realizados, e fas todo o posible para alegrar o día de alguén máis.


Ningún comentario:

Publicar un comentario