Dentro das frases repetidas ata a saciedade polos gurús modernos destaca esta de deixarse fluír, cousa que che espetan como consello polivalente en absolutamente todos os contextos. De cada cen veces que a escoito, ningunha é boa. Úsase para tranquilizar a alguén que non sabe que decisión tomar, para pospoñer cousas, para deixar a iniciativa en mans alleas, para vivir na improvisación, en definitiva, para todo o que unha persoa de consciencia non faría, de tal xeito que acaba por significar todo o contrario do que debería.
Se non sei que facer con algún problema non é o momento de deixar que flúa cousa ningunha, cómpre valorar a situación, coa cabeza e co corazón, e avanzar cara á solución que máis me conveña. Iso chámase ser proactivo, poñer da miña parte para que sucedan as cousas que eu quero, e dese xeito exercito o meu poder persoal. Quedarme a velas vir, agardar a ver que pasa e reaccionar segundo as circunstancias non é fluír, iso é ser reactivo e supón unha conduta egoica, medoña e carente de poder persoal.
Fluír non consiste en renunciar a levar a iniciativa, senón en estar atento ás ondas da vida e surfealas sen medo. Non é irse de viaxe con quen mo propoña e a onde me leven porque "foi iso o que xurdiu e me deixei fluír", senón admitir valentemente que quero ir a Exipto e non teño diñeiro abondo, e poñer os medios para que se resolva ese inconveniente, porque irme a Ibiza cando a miña alma clama polas pirámides non é fluír, fluír sería encontrar a corrente que me permita ir a Exipto e aproveitala. Fluír é atreverse a apostar polo que realmente queres, pola misión da alma que viñeches a materializar no mundo, deixar de autoboicotearte e de autoenganarte, "bah, este ano vou Ibiza e para o que vén xa verei, o que flúa". Non, síntoo pero non se trata diso senón de ser auténtico e avanzar na dirección escollida polo teu verdadeiro Ser.
Se estás atoado nunha situación abafante, nun traballo insatisfactorio, nunha relación de dependencia, nunha cidade que te agobia ou calqueroutra situación semellante que require un salto de fe, fluír non é agardar a ver se a túa parella te deixa ou o teu xefe te despide e en base a iso xa decidirás e "mentres tanto non te agobies e déixate fluír". Non, fluír é dar o salto.

Ningún comentario:
Publicar un comentario