2 de xul. de 2018

Actuando en positivo: define ben as túas metas

A idea do "pensamento positivo" é unha desas excelentes actitudes que axiña son malentendidas e malinterpretadas e extendidas dun xeito diríamos viral, repetidas por todo o mundo ata que acabamos por crer que se trata de desexar moito unha cousa e daquela nos será concedida. Iso é infantil, simplista, irracional, é case como crer nos Reis Magos.

Pensar en positivo é necesario para compensar o sesgo negativo co que a evolución dotou o noso cerebro, unha protección da especie útil para a supervivencia. Estar á defensiva, imaxinar que é o que pode saír mal ou onde axexa o perigo para así poder anticiparnos e protexernos, durante milenios resultou unha estratexia conveniente, pero debemos matizala un pouco e non vivir sempre esperando o peor, repetindo con superioridade que "un optimista é un pesimista mal informado" e outras sandeces que só serven para coartar a nosa iniciativa.

Por suposto temos que desexar conseguir o que queremos, expresar ese desexo, compartilo e crer que é posible. Pero despois hai que poñerse en marcha cara a esa consecución. Deberemos usar esa intención positiva para avanzar cara a ese lugar, ese obxectivo que nos marcamos. A frase trampa "o que conta é a intención" significa que se non temos claro o noso obxectivo non podemos avanzar; sen unha intención clara, o que fagamos non ten sentido, ou conduce a un lugar a onde realmente non queriamos ir.

Pensemos en positivo, atrevámonos a desexar mellorar as nosas vidas. E a continuación establezamos metas claras. Formulemos ben os nosos obxectivos, porque se non están ben formulados é doado perdernos no camiño. 

Polo tanto imos aprender a formular un obxectivo, imos dedicar as vacacións de verán a darlle forma, e comprobaremos o seguinte:

- que sexa algo realmente importante para nós, que de veras contribúa ao noso benestar. Aumentar o índice de produtividade da empresa onde traballo non é un bo obxectivo para a miña felicidade, ten que ser algo máis persoal e coherente co meu ser, co meu pensar, co meu sentir.

- que estea formulado en positivo, sempre expresando o que queremos lograr, a onde queremos dirixirnos, non aquilo que non queremos, o que queremos evitar ou do que queremos fuxir. Por exemplo, un obxectivo mal formulado sería "quero deixar o meu traballo porque estou moi descontenta e tan explotada que a miña saúde comeza a resentirse". O verdadeiro obxectivo debería ser concretar o tipo de traballo que quero atopar, para despois poder definir os pasos que hei de dar para chegar a el, os contactos que podo tocar, a formación que debo completar, o tipo de currículo que debo elaborar e onde presentalo.

- que sexa concreto, non un desexo abstracto senón algo que sexa posible comprobar obxectivamente, mesmo medir o grao de consecución, nun prazo previsto. Por exemplo: un obxectivo mal formulado sería "mellorar o meu aspecto para aspirar a un posto de traballo onde se esixe boa presenza". Non é o bastante concreto. Ese obxectivo, ben formulado, sería: "cambiar de vestiario e corte de pelo" porque despois poderei establecer os pasos nesa dirección.

- que se poidan definir os pasos a dar, mesmo temporalizalos, e se poida avaliar o seu grao de consecución. Por exemplo, no exemplo anterior: coller o hábito de acudir á perruquería unha vez ao mes para retocar o corte de pelo e darlle un baño de cor, tirar ou doar toda a roupa que realmente non me senta ben e durante a próxima tempada mercar só saias e vestidos cos que ir substituíndo progresivamente os vaqueiros.

-  que dependa de nós, que realmente estea na nosa man. Neste sentido os exemplos anteriores son correctos, pois de min depende mercar roupa bonita e coidar o meu aspecto, eu podo mellorar a miña apariencia con iso, o que non podo conseguir, porque xa non depende de min, é gustarlle a certa persoa, pois para iso hai demasiados factores que inflúen niso e non están na miña man.

Marcar bos obxectivos e dar pasos na dirección correcta para conseguilos pode cambiarche a vida, levándote a ser cada vez menos reactivo e máis proactivo, con todos os beneficios psicolóxicos que isto implica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario