Isto pode facerse a través de moitos camiños, non hai unha única vía, nin tampouco unha única velocidade, cada quen o fará no momento oportuno para el, que por certo non ten que ser 2012... Dáte o teu tempo, pensa que isto do 2012 só é un símbolo.
Hai quen puxo unhas espectativas excesivas neste ano. Lin de todo ultimamente: a fin do mundo, a ascensión planetaria, a chegada duns seres superiores do espazo que nos van guiar... Moitas destas teorías son as mesmas de sempre, ás veces a Nova Era parécese terriblemente á Vella. E se estas espectativas non se cumpren haberá que adialas, buscar outra data sinalada, ou asumir o erro, a frustración, abandonar a procura de sentido, facer da decepción bandeira e pasar a engrosar a listaxe de escépticos defensores da ausencia de sentido...
Pero non. Porque o propósito fundamental da nosa vida é o desenvolvemento da consciencia. Isto ninguén o pode facer por ti, ningunha conexión especial, ningún alien divino, ningún cuarzo mestre, ningunha alineación planetaria, nin santos nin gurús, nada nin ninguén che pode aforrar o traballo de existir por ti mesmo e tratar de comprender a túa propia existencia, dotala de sentido e converterte na mellor versión posible de ti mesmo.
Algúns van pospondo indefinidamente esta tarefa, ata que a vellez, a morte, ou unha enfermidade grave, os obrigue: que estiven facendo da miña vida? Para eles cantou John Lennon "A vida é o que che sucede mentres estás ocupado facendo outros plans".
Se estás esperto, ou sexa ben consciente, con toda a túa atención no presente, poderás aproveitar cada unha das circunstancias da vida para extraer unha aprendizaxe. Cando non podemos aceptalo, o resultado é conflito e sufrimento. A comprensión e aceptación desa aprendizaxe implícita en cada un dos teus problemas libérate do sufrimento (e normalmente tamén do problema, pois xa cumpriu a súa función na túa vida e podes deixalo atrás). Algunhas persoas son inflexibles. Queren que a vida se amolde aos seus desexos e néganse a cambiar os seus puntos de vista. Cren que foron tratados inxustamente, que lles pasan cousas que non se merecen, que a vida é caótica e sen propósito. Cren que a aceptación é o mesmo que a resignación, polo tanto adoptan unha actitude de rebelión permanente, ou de distante desdén. Ningunha destas actitudes conduce á aprendizaxe, á felicidade e a paz interior.
Trátase de aceptación, non de resignación. A resignación procede dunha mente cansa de loitar inutilmente por acomodar a vida ás súas propias crenzas. Cando unha persoa cae na resignación, sente unha gran impotencia para manexar a situación e polo tanto deixa de loitar, pero isto non lle produce paz senón frustración.
A aceptación consiste en admitir que esa experiencia que estamos tendo ten algunha función na nosa vida, recoñecemos as súas implicacións, a súa utilidade, a ensinanza que nos transmite, e vivímola sen opornos a ela, por dura que sexa.
Isto é, por suposto, máis doado de dicir que de facer, pero non é imposible e, sobre todo, é importante comprender que é un proceso, sempre en desenvolvemento e nunca concluído, é un camiñar, non un obxectivo para conseguir ou un punto de chegada. Ti só inténtao, non tes que dar no branco, abonda con apuntar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario