Amosando publicacións coa etiqueta 2012. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 2012. Amosar todas as publicacións

9 de abr. de 2013

Os teus desexos son ordes

E se este mes de abril fose o xenio da lámpada que vén para concederche todos os desexos que sexas quen de formular? Formúlaos, a ver que pasa. Tenta de expresalos con claridade, con decisión e con fe. Acto seguido ponte en camiño, porque o demais se che irá revelando sobre a marcha.
Elixe ben. Pénsao, porque como xa falamos, agora todo é posíbel, fácil e rapidamente. Pero só porque algo sexa posíbel non tes a obriga de querelo, ou porque algo sexa fácil, ou porque che insistan no ben que o fas, non significa que teñas que facelo. Só a túa verdade interior sinala o camiño.
Oxalá que a poderosa eclipse do vindeiro 25 de abril te sorprenda facendo exactamente o que desexas. Esas enerxías te apoiarán no que esteas facendo, así que pensa na túa realización persoal e adiante.

5 de abr. de 2013

Tempos de cambio

Seguramente todos oímos falar algunha vez das novas enerxías que están chegando, da apertura que tivo lugar o 21.12.2012, da era de Acuario, ou da fin do Tempo, que non do Mundo.
Outra cousa é que o fagamos realidade, que o esteamos vivenciando. Moitas persoas desgrazadamente permanecen no vello paradigma. Outras están desorientadas, sen comprender se algo cambiou ou non co pasado solsticio de inverno, esperando talvez que se produza algún fenómeno espectacular cando en realidade debe comezar como un proceso interior de cadaquén.
En moitos casos a mente pensante bloquea o proceso, enredándose en interminábeis cadeas de razoamentos que escravizan e paralizan; outras veces son as emocións reprimidas as que nos manteñen na rutina, con medo de que se alteramos calquera aspecto da nosa vida pode desatarse o caos; tamén os apegos nos manteñen sometidos, aferrándonos ao que cremos amar, ao que cremos necesitar, ao que nos parece que nos dota de identidade, felicidade, benestar, seguridade, etc.
O paradigma da pasada era de Piscis baseábase na dificultade, o esforzo, a carencia, a dualidade, a separación, sentirse incompleto e procurar fóra de nós algo que nos completase (unha persoa, un estatus social, posesións, coñecementos, Deus...)
Todo isto xa rematou.
Rematou de vez, e intentar manter as vellas estruturas, os antigos paradigmas, é focarnos na resistencia e na negación do evidente: o pasado non volverá.
Como naquel famoso libriño onde dous ratos percorrían un labirinto na procura dun queixo que mudaba de sitio, debemos soltar o pasado, permanecer totalmente presentes no noso corpo, aquí e agora, permanecer conscientemente presentes, sabendo que este intre de agora é perfecto.
Só temos que permitir que suceda, dar a benvida aos cambios na nosa vida sexan cales foren, porque se van producir igualmente e se pretendemos evitalo só conseguiremos frustrarnos ou mesmo enfermar.
Son tempos de compromiso radical con un mesmo. Haberá moitas rupturas, noites en branco, incertidumes, para finalmente deixar atrás todo aquilo que xa non resoa con nós, sexa cal for a súa pretendida importancia na nosa vida. É urxente sentir a nosa verdade interna e ser nós mesmos. Temos que despertar ás nosas verdades máis profundas e vivilas radicalmente, anque iso implique cambios drásticos nas relacións persoais, no ocio, no traballo. O Cosmos apoia o noso propósito de realización persoal, as enerxías disponíbeis para nós en 2013 son para vivir no presente e experimentar o cambio. Sen sufrimentos, sen dúbidas, con facilidade. Anteriormente faciámolo todo a poder de esforzarnos e tomar o camiño máis difícil, ou pensando en algo ou alguén, un ente externo a nós que nos concedía as cousas. Agora podemos elixir a fluidez e a facilidade e descubrir como a enerxía responde á consciencia.
Algúns a isto lle chaman estado de graza, outros iluminación. En todo caso é un estado de consciencia que se caracteriza por vivir dentro de ti mesmo coa tua presenza completa no presente, sen preocuparte polo que vai suceder a continuación, sen intentar controlar, sen calcular como será o futuro, con gozo e confianza. Este tipo de consciencia atrae sempre as enerxías máis favorábeis para ti.

3 de xan. de 2013

Feliz 2013


Hai algúns meses conteivos que me propuña completar os 1000 grous de papel necesarios para pedir un desexo e xa o conseguín. Aproveitarei estas datas de comezo dun ciclo novo para expresar o meu desexo: vivir con amor.
Que a luz que comezou a chegar a nós no pasado solsticio de inverno nos acompañe para sempre. Que poidamos adaptarnos con pracer ás novas vibracións que se presentan. Que vivamos con valor e confianza todas as situacións inesperadas que imos experimentar diferentes do "normal" e establecido. Que nos empoderemos para estender o amor e a solidariedade, acabando coa dominación e o medo, implantando modelos económicos e sociais éticos e sostibles.
Que vivamos máis conscientes de todo, de nós mesmos e da nosa conexión.
Feliz 2013!

18 de xuño de 2012

Espertar

Vai suceder xa. É inminente. Galicia vai espertar. O caso é que este proceso pode acelerarse, podemos contribuír ao seu espertar ou podemos simplemente esperar que suceda. Cada un de nós pode colaborar con esta terra para que asuma o seu ser verdadeiro, recupere a súa identidade, a súa maxia, a prosperidade, deixando atrás complexos, actitudes vitimistas, prantos e reclamacións. Isto non vai de reivindicación, VAI DE COOPERACIÓN. Cada un que achegue enerxía desde o seu talento, desde as súas crenzas (e quen non teña ningunha crenza en particular que envíe un pensamento amoroso para esta terra, tanto se a coñece como se non). Chegoume esta mensaxe coa petición de distribuíla para que o 23 de Xuño de 2012, entre as 20 e 22 h todos nós (cada un como queira, a soas ou en grupo, en Galicia ou noutro lugar onde estea) colaboremos neste ESPERTAR, pois a cooperación xera movemento!!!!! Ponte en conciencia e envía enerxía a Galicia o día 23 de Xuño de 2012 entre as 20 e as 22 h, o tempo que consideres necesario, non hai mínimos, non hai máximos, só horario para que o maior número de mentes xeremos xunto a ela o movemento. Se o prefires fai un debuxo, deseña unha pegatina, ou prende unha vela, reza unha oración, canta unha canción. Pon algo, o que queiras, da túa parte. Ou simplemente escribe "Acorda, Galicia" no teu estado do facebook. Para poder ter, dá todo a todos.

Galicia dáche as Grazas


5 de mar. de 2012

Continúa o espectáculo nocturno

Marte, Venus, Xúpiter, Mercurio, e o xoves ademais lúa chea... Todo un festival astronómico a simple vista, sen necesidade de telescopio!

26 de feb. de 2012

Boas noites

A noite pasada o ceo ofreceu un fermoso espectáculo. Se nono viches aínda estás a tempo, esta noite outra vez. Ler


Este trío de ases (os tres obxectos máis brillantes do firmamento) non necesariamente ten significado astrolóxico, gocemos da súa luz sen máis... por agora é de balde!





5 de xan. de 2012

O sentido da vida

Creo que o propósito fundamental da nosa vida é o desenvolvemento da consciencia.
Isto pode facerse a través de moitos camiños, non hai unha única vía, nin tampouco unha única velocidade, cada quen o fará no momento oportuno para el, que por certo non ten que ser 2012... Dáte o teu tempo, pensa que isto do 2012 só é un símbolo.
Hai quen puxo unhas espectativas excesivas neste ano. Lin de todo ultimamente: a fin do mundo, a ascensión planetaria, a chegada duns seres superiores do espazo que nos van guiar... Moitas destas teorías son as mesmas de sempre, ás veces a Nova Era parécese terriblemente á Vella. E se estas espectativas non se cumpren haberá que adialas, buscar outra data sinalada, ou asumir o erro, a frustración, abandonar a procura de sentido, facer da decepción bandeira e pasar a engrosar a listaxe de escépticos defensores da ausencia de sentido...
Pero non. Porque o propósito fundamental da nosa vida é o desenvolvemento da consciencia. Isto ninguén o pode facer por ti, ningunha conexión especial, ningún alien divino, ningún cuarzo mestre, ningunha alineación planetaria, nin santos nin gurús, nada nin ninguén che pode aforrar o traballo de existir por ti mesmo e tratar de comprender a túa propia existencia, dotala de sentido e converterte na mellor versión posible de ti mesmo.
Algúns van pospondo indefinidamente esta tarefa, ata que a vellez, a morte, ou unha enfermidade grave, os obrigue: que estiven facendo da miña vida? Para eles cantou John Lennon "A vida é o que che sucede mentres estás ocupado facendo outros plans".
Se estás esperto, ou sexa ben consciente, con toda a túa atención no presente, poderás aproveitar cada unha das circunstancias da vida para extraer unha aprendizaxe. Cando non podemos aceptalo, o resultado é conflito e sufrimento. A comprensión e aceptación desa aprendizaxe implícita en cada un dos teus problemas libérate do sufrimento (e normalmente tamén do problema, pois xa cumpriu a súa función na túa vida e podes deixalo atrás).
Algunhas persoas son inflexibles. Queren que a vida se amolde aos seus desexos e néganse a cambiar os seus puntos de vista. Cren que foron tratados inxustamente, que lles pasan cousas que non se merecen, que a vida é caótica e sen propósito. Cren que a aceptación é o mesmo que a resignación, polo tanto adoptan unha actitude de rebelión permanente, ou de distante desdén. Ningunha destas actitudes conduce á aprendizaxe, á felicidade e a paz interior.
Trátase de aceptación, non de resignación. A resignación procede dunha mente cansa de loitar inutilmente por acomodar a vida ás súas propias crenzas. Cando unha persoa cae na resignación, sente unha gran impotencia para manexar a situación e polo tanto deixa de loitar, pero isto non lle produce paz senón frustración.
A aceptación consiste en admitir que esa experiencia que estamos tendo ten algunha función na nosa vida, recoñecemos as súas implicacións, a súa utilidade, a ensinanza que nos transmite, e vivímola sen opornos a ela, por dura que sexa.
Isto é, por suposto, máis doado de dicir que de facer, pero non é imposible e, sobre todo, é importante comprender que é un proceso, sempre en desenvolvemento e nunca concluído, é un camiñar, non un obxectivo para conseguir ou un punto de chegada. Ti só inténtao, non tes que dar no branco, abonda con apuntar.

28 de dec. de 2011

Feliz 2012

Has de saber que non hai ningunha profecía no Calendario Maya que anuncie un cataclismo, porque non hai profecías no Calendario Maya, xa que é precisamente só iso: un calendario. Hai unha Conta Longa iniciada no 3114 AC e que finaliza no 2012, pero iso non ten por que significar o Fin dos Tempos, en sentido apocalíptico: quizais, simplemente, marca o comezo doutra Conta Longa. O Calendario Maya organízase en Conta Longa e Conta Curta; esta última, de 52 anos, á súa vez divídese en catro grupos de 13 anos. En 2012 finalizan as contas. Máis nada. ( Posiblemente en canto finalice o 2012, alguén comezará a escribir sobre o 2064...)



Cada vez que conclúe un ciclo de 52 anos son tempos de renovación, de cambios de actitude, de mentalidade, de novos paradigmas que se superpoñen aos antigos. Repara en que o ciclo de 52 anos que remata en 2012 comezou en 1960... Naquela época produciuse unha importante rebelión, pensar distinto, discutir autoridades, igrexas, dogmas. Xurdiron os hippies, movementos contraculturais, facer o amor e non a guerra, cambiar o mundo... Inmediatamente antes, e inmediatamente despois, a Revolución Cubana, o Maio francés, Vietnam, a New Age, a experimentación psicodélica, en todas partes un espertar de experiencias espirituais, sociais, transgresoras do vello sistema imperante. Pois faite unha idea: en 2012, inicio dun novo ciclo de 52 anos, manifestarase con intensidade masiva un novo paradigma.


Tamén se ten falado moito dunha aliñación planetaria mal entendida. Non haberá astronómicamente falando, aliñación planetaria o 21 de decembro de 2012. O comportamento dos corpos astronómicos obedece a unhas leis físicas predicibles, polo que podemos asegurar que non haberá tal disposición astronómica, e aínda que a houbese, a masa e tracción gravitatoria dos planetas en función do espazo físico que os separa non produciría ningún efecto xeolóxico significativo. Pero si que varios planetas se aproximarán ou mesmo se situarán no plano da eclíptica (traxectoria aparente do Sol no ceo) e iso ten significado astrolóxico. O 2012 converteuse nun amplificador simbólico dos aspectos astrolóxicos desa data. Producirase unha conxunción do Sol co punto de cruzamento do plano da eclíptica co Ecuador celeste, e isto orixinou distintas interpretacións, entre elas que será un momento de Evolución, de Transformación, de Cambio Cuántico. Algúns esperan algunha desmaterialización, un paso á quinta dimensión ou algo así. En todo caso chegará 2013 e aquí estaremos. Aparentemente non pasará nada. Pero sutil, acumulativamente, comezaremos a observar unha presenza máis dominante dun novo paradigma, máis humanitario, máis social, máis espiritual. O espiritual, e mesmo o esotérico, irá cobrando presenza na vida cotiá, deixará de ser cousa duns poucos fanáticos, e o pensamento académico, antes fosilizado, abrirase a outras visións do Universo. Nada disto ocorrerá sorpresivamente, pois xa comezou hai algún tempo e o ciclo de transformación levará outro bo tempo máis aló de 2012. As transicións de ciclos de 52 anos non son rupturas violentas senón que traen reaxustes da nosa mentalidade, individual e colectiva, para estar en equilibrio cos ciclos do universo.