Has de saber que non hai ningunha profecía no Calendario Maya que anuncie un cataclismo, porque non hai profecías no Calendario Maya, xa que é precisamente só iso: un calendario. Hai unha Conta Longa iniciada no 3114 AC e que finaliza no 2012, pero iso non ten por que significar o Fin dos Tempos, en sentido apocalíptico: quizais, simplemente, marca o comezo doutra Conta Longa. O Calendario Maya organízase en Conta Longa e Conta Curta; esta última, de 52 anos, á súa vez divídese en catro grupos de 13 anos. En 2012 finalizan as contas. Máis nada. ( Posiblemente en canto finalice o 2012, alguén comezará a escribir sobre o 2064...)
Cada vez que conclúe un ciclo de 52 anos son tempos de renovación, de cambios de actitude, de mentalidade, de novos paradigmas que se superpoñen aos antigos. Repara en que o ciclo de 52 anos que remata en 2012 comezou en 1960... Naquela época produciuse unha importante rebelión, pensar distinto, discutir autoridades, igrexas, dogmas. Xurdiron os hippies, movementos contraculturais, facer o amor e non a guerra, cambiar o mundo... Inmediatamente antes, e inmediatamente despois, a Revolución Cubana, o Maio francés, Vietnam, a New Age, a experimentación psicodélica, en todas partes un espertar de experiencias espirituais, sociais, transgresoras do vello sistema imperante. Pois faite unha idea: en 2012, inicio dun novo ciclo de 52 anos, manifestarase con intensidade masiva un novo paradigma.
Tamén se ten falado moito dunha aliñación planetaria mal entendida. Non haberá astronómicamente falando, aliñación planetaria o 21 de decembro de 2012. O comportamento dos corpos astronómicos obedece a unhas leis físicas predicibles, polo que podemos asegurar que non haberá tal disposición astronómica, e aínda que a houbese, a masa e tracción gravitatoria dos planetas en función do espazo físico que os separa non produciría ningún efecto xeolóxico significativo. Pero si que varios planetas se aproximarán ou mesmo se situarán no plano da eclíptica (traxectoria aparente do Sol no ceo) e iso ten significado astrolóxico. O 2012 converteuse nun amplificador simbólico dos aspectos astrolóxicos desa data. Producirase unha conxunción do Sol co punto de cruzamento do plano da eclíptica co Ecuador celeste, e isto orixinou distintas interpretacións, entre elas que será un momento de Evolución, de Transformación, de Cambio Cuántico. Algúns esperan algunha desmaterialización, un paso á quinta dimensión ou algo así. En todo caso chegará 2013 e aquí estaremos. Aparentemente non pasará nada. Pero sutil, acumulativamente, comezaremos a observar unha presenza máis dominante dun novo paradigma, máis humanitario, máis social, máis espiritual. O espiritual, e mesmo o esotérico, irá cobrando presenza na vida cotiá, deixará de ser cousa duns poucos fanáticos, e o pensamento académico, antes fosilizado, abrirase a outras visións do Universo. Nada disto ocorrerá sorpresivamente, pois xa comezou hai algún tempo e o ciclo de transformación levará outro bo tempo máis aló de 2012. As transicións de ciclos de 52 anos non son rupturas violentas senón que traen reaxustes da nosa mentalidade, individual e colectiva, para estar en equilibrio cos ciclos do universo.



Ningún comentario:
Publicar un comentario