5 de abr. de 2013

Tempos de cambio

Seguramente todos oímos falar algunha vez das novas enerxías que están chegando, da apertura que tivo lugar o 21.12.2012, da era de Acuario, ou da fin do Tempo, que non do Mundo.
Outra cousa é que o fagamos realidade, que o esteamos vivenciando. Moitas persoas desgrazadamente permanecen no vello paradigma. Outras están desorientadas, sen comprender se algo cambiou ou non co pasado solsticio de inverno, esperando talvez que se produza algún fenómeno espectacular cando en realidade debe comezar como un proceso interior de cadaquén.
En moitos casos a mente pensante bloquea o proceso, enredándose en interminábeis cadeas de razoamentos que escravizan e paralizan; outras veces son as emocións reprimidas as que nos manteñen na rutina, con medo de que se alteramos calquera aspecto da nosa vida pode desatarse o caos; tamén os apegos nos manteñen sometidos, aferrándonos ao que cremos amar, ao que cremos necesitar, ao que nos parece que nos dota de identidade, felicidade, benestar, seguridade, etc.
O paradigma da pasada era de Piscis baseábase na dificultade, o esforzo, a carencia, a dualidade, a separación, sentirse incompleto e procurar fóra de nós algo que nos completase (unha persoa, un estatus social, posesións, coñecementos, Deus...)
Todo isto xa rematou.
Rematou de vez, e intentar manter as vellas estruturas, os antigos paradigmas, é focarnos na resistencia e na negación do evidente: o pasado non volverá.
Como naquel famoso libriño onde dous ratos percorrían un labirinto na procura dun queixo que mudaba de sitio, debemos soltar o pasado, permanecer totalmente presentes no noso corpo, aquí e agora, permanecer conscientemente presentes, sabendo que este intre de agora é perfecto.
Só temos que permitir que suceda, dar a benvida aos cambios na nosa vida sexan cales foren, porque se van producir igualmente e se pretendemos evitalo só conseguiremos frustrarnos ou mesmo enfermar.
Son tempos de compromiso radical con un mesmo. Haberá moitas rupturas, noites en branco, incertidumes, para finalmente deixar atrás todo aquilo que xa non resoa con nós, sexa cal for a súa pretendida importancia na nosa vida. É urxente sentir a nosa verdade interna e ser nós mesmos. Temos que despertar ás nosas verdades máis profundas e vivilas radicalmente, anque iso implique cambios drásticos nas relacións persoais, no ocio, no traballo. O Cosmos apoia o noso propósito de realización persoal, as enerxías disponíbeis para nós en 2013 son para vivir no presente e experimentar o cambio. Sen sufrimentos, sen dúbidas, con facilidade. Anteriormente faciámolo todo a poder de esforzarnos e tomar o camiño máis difícil, ou pensando en algo ou alguén, un ente externo a nós que nos concedía as cousas. Agora podemos elixir a fluidez e a facilidade e descubrir como a enerxía responde á consciencia.
Algúns a isto lle chaman estado de graza, outros iluminación. En todo caso é un estado de consciencia que se caracteriza por vivir dentro de ti mesmo coa tua presenza completa no presente, sen preocuparte polo que vai suceder a continuación, sen intentar controlar, sen calcular como será o futuro, con gozo e confianza. Este tipo de consciencia atrae sempre as enerxías máis favorábeis para ti.

2 comentarios:

  1. ola, son María
    Interesante texto. Ás veces penso que escribes a propósito para min. Grazas, Puri.
    Curioso tamén, pois quizais coincidimos escribindo no mesmo momento sobre cousas semellantes. Así que vou compartir contigo o meu texto (eu aínda estou na etapa de confusión):

    INESTABILIDADE VARIABLE

    Non podo entender esta inestabilidade variable na que me atopo. É a mellor definición que encontrei para este estado de ánimo tan radicalmente cambiante. Todo xoga a confundirme: o corpo, os pensamentos, as emocións, as terapias, as lecturas, as amizades, o tempo, o espazo… e a mente, sobre todo a mente. Como facela calar? Como deixala de lado? Como escoitar o corazón entre tanto barullo mental?
    Si, si, xa o sei, na teoría xa o sei: a clave está no silencio, no baleiro, na fenda (espazo entre dous pensamentos segundo Depak Chopra). É aí onde se pode escoitar ao ser interior, mais que difícil chegar á fenda! Cantas resistencias por vencer! A maior de todas: a resistencia a fluír co ritmo natural da vida, a vía do non actuar, do Wu Wei de Henri Borel. Cómpre, pois desprenderse do control, de querer dominalo todo, de defenderse de todo para protexerse. A defensa é só medo e falta de confianza na vida, no ser. Na indefensión está a fortaleza. O control é agotador, xenera un estrés insoportable e enfermanos.
    Pero o wu Wei, o non actuar non significa inactividade, quedarse paralizada, senón que é actuar de maneira natural, como o fan os elementos da natureza: o mar, o río, a árbore, os paxaros… os humanos actuamos sistematicamente en contra da natureza.Mesmo da nosa propia natureza.Estamos enfermos. A saúde debe ser logo tomar conciencia de que parte de nós estamos indo en contra.
    Será tan fácil?

    5 de abril, 2013

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Encantoume este texto e si, estamos en total sintonía.
      Moitas persoas que levamos tempo traballándonos estamos sendo sometidas a probas durísimas. Trátase dunha especie de salto de fe, seguir os sinais interiores mesmo sen saber a onde nos levan. Eu síntome así tamén. Hai persoas que se están indo da miña vida, outras están entrando con moitísima forza, o meu autoconcepto estoupou en mil anacos e estou en plena fase de deconstrución. Por exemplo, xa o sabes,acabo de publicar unha novela... Significa iso que agora vou ser escritora? Non o sei, nin necesito sabelo, entrégome sen reservas á beleza do presente, xa veremos o que a vida vaia traendo. Non é doado, nin indoloro, pero sei que estou realizando o meu ser máis profundo, sei que agora xa non vou máis "en contra".
      Unha aperta de luz, amiga, irmá.

      Eliminar