
Isto escríboo para min porque estou demasiado habituada a que todo me flúa ás mil marabillas e actualmente teño un asuntiño por resolver que é un auténtico crebacabezas no que me sinto como se me faltasen pezas...
Ás veces pasa. Non me vou sentir culpábel, estou facendo todo o posíbel, probando estratexias diferentes, pedindo opinións, xa encontrarei algo que funcione, todo está ben así, non estou facendo nada mal, de momento só atopei 999 maneiras de como non se fai unha lámpada, estou máis cerca de atopar a receita que funciona, xa me falta menos. Hai unha solución e vouna atopar, sen meterme a culpar a ninguén desta situación, quen non fixo que, ou se a administración debería tal ou cal cousa, o que quero agora son solucións. ÁNIMO! Non é que non o podo facer, é que aínda non lle dediquei o tempo suficiente...
É un reto que a vida me pon, seguramente porque detrás del hai algunha aprendizaxe importante para min, unha oportunidade para crecer que estou necesitando. Seguramente eu mesma bloqueei esta aprendizaxe noutras ocasións, cando se me presentou de maneira menos traumática, e por iso agora volve a min, e seguirá volvendo cada vez con máis forza ata que eu a acepte e descubra onde está o bloqueo, onde me entrampo, confundo e atasco.
Teño unha amiga que un día me dixo, falando por teléfono, "me atasqué" e eu entendín "namasté" producíndose durante uns segundos un diálogo absurdo e divertido que desde entón dá pé a algunhas bromas en clave moi simpáticas entre nós. E agora penso: "Namasté" ao problema que estou tendo. "Namasté" ao atasco en que me atopo e a todos os que interveñen nel. O buda que hai en min saúda ao buda que hai na persoa con quen me estou atascando, recoñéceo como mestre para esta aprendizaxe en concreto e agradece a lección que me está dando. Aínda non sei cal é pero estou disposta a prestar máis atención e descubrila. Sei que no momento en que eu a aprenda o atasco desaparecerá.
Ningún comentario:
Publicar un comentario