2 de abr. de 2012

En que consiste ser mestre?

Estes días quero reflexionar sobre a mestría. A mestría, en xeral: en que consiste ser mestre? Pénsao uns momentos. Mestre de Primaria. Mestre canteiro. Mestre director de orquesta. Mestre en calquera das acepcións desta palabra a ver: que é exactamente? Pénsao seriamente. Toma o tempo que precises. Mestre espiritual. Sanador. Iluminado. Gurú. En que consiste isto, de que trata?

Que esperas dun mestre? Acaso esperas que te guíe, te console, te aconselle, tome decisións por ti? Ou esperas que che presente toda a información do cosmos ben clariña e ordenada para que poidas elixir facilmente? Ou se cadra esperas que sexa un modelo de conduta, sempre dono de si mesmo, nunca unha palabra fóra de sitio, sublime sen interrupción, todo luz nunca sombra, puro espírito, como San Antonio Bendito, que ni come ni bebe y está gordito?

Se cadra o teu mestre decepcionouche porque fuma, porque come carne, porque cobra tarifas abusivas por un cursiño de fin de semana, porque casou  ou porque se divorciou, porque aprobou unhas oposicións de funcionario, porque che dixo que lle doía a cabeza e o deixases en paz e che colgou o teléfono? Decepcionouche porque leva anos falando de autosanación e acaban de diagnosticarlle unha enfermidade autoinmune?

Hoxe propóñoche reflexionar sobre unha verdade espiritual moi profunda e de difícil comprensión, que é a seguinte: caga o rei e caga o papa, de cagar ninguén escapa.

Unha película extraordinaria que tiven ocasión de ver por primeira vez na miña infancia, rever na adolescencia e volver a ver na idade adulta é La gran evasión (Jonh Sturges, 1963). Esta pelí­cula baséase nun suceso real, con guión de James Clavell e W.R. Burnett, un reparto perfecto e unha banda sonora de Elmer Berstein que debe de ser a máis tarareada da historia en difícil empate con El puente sobre el río Kwai.

A película é un auténtico clásico e polo tanto en cada época da vida permite diferentes lecturas, como tamén ir atopando diferentes valores en cada un dos protagonistas: Steve McQueen nunha das personaxes que máis contribuiu á súa lenda, ben sexa pechado na "neverra" coa pelota de béisbol ou nesa secuencia de fuxida coa moto que figura en todas as antoloxías; o atormentado Richard Attenborough, cerebro organizador da fuga; un Charles Bronson escultural que excava os túneles malia a súa claustrofobia (este é o máis iluminado anque nono pareza, porque pasa todiña a película confrontando o seu medo máis profundo); o dandy conseguidor James Garner; o desvalido e perfeccionista falsificador de documentos Donald Pleasance; James Coburn véndoas vir nunha terraza de París... mesmo Von Luger me cae ben (Hannes Messemer) o nazi menos entusiasta que nunca se viu, transmitindo o seu desacordo sen palabras, sobre todo ao final dando explicacións pouco convincentes sobre os 50 mortos ...

Para min o máis conmovedor é Mac (Gordon Jackson). Un tipo discreto, a eminencia gris, de alcume "Intelixencia", o segundo de abordo, o mestre,  o que avisa a todos do vello truco usado polas autoridades para descubrilos: apréndelles alemán para que se desenvolvan cando estean fóra e introduce no medio da conversa unha observación en inglés do tipo "o seu alemán é excelente" ao que a maioría case sempre responde "grazas" delatándose con iso... Mac, a mente pensante, o profe que sabe a teoría. Ao final Mac é atrapado exactamente co mesmo truco sobre o cal advertía aos demais. Ao subir a un autobús, un oficial alemán deséxalle sorte en inglés... e el, precisamente el, responde. A mente pensante. Precisamente.


En que consiste ser mestre?
Pois si, efectivamente, consiste en intentalo.
Se o teu mestre (profesor, pai, médico, etc.) fose tan perfecto como ti queres, xa non estaría nesta dimensión. Tamén el ten que superarse, tamén el ten as súas probas, se cadra ti es unha delas. Porque rematou o tempo das clases maxistrais, agora todos somos mestres de todo para todos.
Porque un mestre é exactamente coma ti, cos teus medos e dúbidas, coas túas cargas, con todo o teu ser. Ti es o meu mestre tamén, e mestre do teu mestre, como tamén eu o son, anque me pregunte de que ou me encolla de ombros perante a maioría das túas preguntas. Porque todos e todas, que somos UN, estamos agora a construír unha mestría colectiva, somos un equipo como o da película que hoxe che propoño e avanzamos xuntos a través do túnel.
Eu non sei, nin ningún mestre sabe, o que vai pasar:  poida que se derrube o túnel, ou o descubran, ou nos capturen e regresemos á "neverra", ou nos fusilen... ou cheguemos remando aos lagos de Finlandia. Ningún mestre o sabe. Non somos mestres de certezas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario