11 de abr. de 2014

Cinco razóns para botar unhas risas

Hoxe entregamos as notas do segundo trimestre. Máis de 20 anos nesta profesión fóronme dando ferramentas non só pedagóxicas senón tamén emocionais para facer do proceso de ensino-aprendizaxe algo que mereza a pena ser vivido e compartido. Unha das que máis emprego é o humor, por moitas razóns que vou resumir agora, destacando cinco funcións principais das moitas que presenta:

1-Función pedagóxica e motivadora: O humor favorece os procesos de ensino e aprendizaxe, facilita un contexto ameno e motivador, activa o interese e o entusiasmo pola temática que se estea traballando e contribúe a realizar aprendizaxes significativas.

 2- Función de distensión: Posibilita un clima de cordialidade e confianza, favorece a cohesión grupal, crea e reforza os vínculos entre as persoas; axuda a liberar a tensión acumulada e a desdramatizar as preocupacións. O humor canaliza as situacións imprevistas ou conflictivas axudando reducir a tensión ou a ansiedade. Actúa contra os ataques desmontando a hostilidade latente e desdramatizando conflitos.

 3-Función intelectual: O humor búrlase dos pensamentos distorsionados e das crenzas irracionais, obriga a elaborar e xestionar a información desde outras perspectivas cognitivas.

 4-Función creativa: O humor ofrece unha visión crítica da realidade, estimulando así o pensamento lateral ou diverxente; potencia a imaxinación como elemento fundamental na resolución de problemas e descobre conexións novas que potencian a imaxinación e a orixinalidade.

 5-Función terapéutica: O humor utilízase para tratar e resolver trastornos emocionais desde varias formulacións psicolóxicas. Rir descarga o nerviosismo físico, alivia a tensión psicolóxica xeral, mellora o sistema cardiovascular e potencia a enerxía interior.

Que pases unha moi feliz Semana Santa!!






Ningún comentario:

Publicar un comentario