1 de out. de 2013

Experiencia mística no Museo Provincial de Lugo

Francesco é un ser de luz, como se ve, sen darlle moitas voltas, na súa conduta, na súa maneira de estar consigo mesmo, cos demais e coa natureza.
Resulta difícil saber con certeza, do que chegou ata nós, que cousas son certas e cales inventadas a posteriori, pero en xeral parece ser que naceu nunha familia rica e viviu unha xuventude ideal, como Buda, afastado de toda miseria ata que tropeza coa desgraza allea, no seu caso un leproso. Despréndese entón de todo o innecesario para vivir unha vida máis auténtica e na relixión que practicaba propuxo tamén iso mesmo. Foi o primeiro caso de estigmas que se coñece, pero nunca se gabou de tal cousa, moi polo contrario, ocultábao, comezou a calzarse e usaba luvas ou metía as mans dentro das mangas da túnica.
Por outra parte, como Usui, retirouse nunha montaña onde permaneceu en xexún ata que unha gran bóla de luz dourada descendeu sobre el, e como calquera chamán, andaba por aí dun lado a outro considerando irmáns ao sol, á lúa... e o lobo.
O 4 de outubro é o seu día, segundo o santoral católico. Podes aproveitar esa enerxía para meditar na súa traxectoria e nas súas ensinanzas. Se ademais estás en Lugo ou arredores non deixes de visitar a conmovedora escultura de Asorey no Museo Provincial. Con aparente simplicidade, aúna elementos de distintas tradicións espirituais dunha maneira realmente inspirada: mostra a un ser iluminado cos ollos entornados como en meditación zen, as mans en alto como canalizando reiki, xunta a árbore do mundo e en compañía do seu animal de poder, o irmán lobo.
Paz e Ben!

Ningún comentario:

Publicar un comentario