Amosando publicacións coa etiqueta axuda. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta axuda. Amosar todas as publicacións

25 de abr. de 2019

Falsa empatía

  Quen non se viu algunha vez perante a dor doutras persoas e se sentiu mal vendo o seu sufrimento? Porén, a empatía non ten que ver co sufrimento. Ás veces confundimos a empatía e o ser comprensivos con vivir a dor doutra persoa. A próxima vez que che suceda, pregúntate que é exactamente o que che está facendo sentir mal. Se indagas a fondo, talvez a resposta non sexa a que a ti cres.
  Ser empático é poñerte na situación do outro e comprendela, pero non é sufrir o que el sofre, nin sentir a mesma dor que el sente, nin interpretar desde a túa mente a experiencia pola que esa persoa debe de estar pasando e facela propia. Non es ti quen pasa por esa experiencia, non es ti quen ten unha aprendizaxe vital que recoller aí. Todas as experiencias son dignas de agradecer cando as vemos cunha perspectiva mais ampla, como leccións da alma que son, pois traen aprendizaxe e luz para quen as vive, pero cando te pos a vivenciar a dor doutra persoa o que estás facendo só é recrear desde a túa mente a dor que imaxinas que esa persoa está pasando. En realidade inventas unha película co que ti cres que lle pasa, pero desde a túa experiencia e aprendizaxe.
  Todos fomos educados na crenza de que o sacrificio e o sufrimento son bos. Socialmente está ben visto que nos sintamos mal cando outros sofren, se non o facemos así non se nos considera boas persoas. Inculcáronnos que para apoiar a quen o pasa mal debemos estar tristes, con mala cara, non debemos expresar que estamos ben, todo o contrario, os que acompañan as persoas que sofren adoitan contar o seu propio sufrir, sexa actual ou pasado, nun falso intento de axudar, porque a final o ego acaba apropiándose da situación: mesturando o sufrimento do outro co propio fortalécese o ego. Ao outro non lle axuda nada que ti te poñas a sufrir a súa pena e digas: é que eu son moi sensible, non o podo evitar. Pénsao con calma: non ves que o protagonista dese dramón que estás construíndo es ti? O ego xoga o seu papel demostrando que es unha persoa bondadosa e boa por sufrir co sufrimento dos demais. Pero cres que a persoa que o pasa mal pode saír do sufrimento con máis sufrimento? Crer que a persoa que sofre se sentiría mellor vendo sufrir a outros... Pero qué concepto tes dela entón? Qué clase de estima lle tes ou che ten?

 A necesidade de constatar o bos que somos, as conviccións morais que nos inculcaron, todo isto son programacións mentais das que debemos liberarnos. Cando acompañemos a alguén que sofre ofrezámoslle o noso cariño, non o noso sufrimento. Ofrezámoslle axuda, consolo, compañía, permitámoslle expresarse se o desexa animándoo a falar, preguntándolle, asentindo. Aprendamos a escoitar sen interrumpir para dicir o mal que nos sentimos nós, e sen poñernos de exemplo contando como nos comportamos nós nunha situación similar.
  Se a nosa intención é axudar aos demais temos que estar ben enteiros, non sumidos na súa dor.

15 de dec. de 2017

Non sempre o que queres coincide co que necesitas...

Algúns de nós gostamos de axudar aos demais pero non me canso de repetir que esa axuda debe ser previamente solicitada. Ora ben, abonda con iso? Cando me piden axuda debo acudir sempre e de xeito incondicional a facer o que me piden?
As persoas necesitadas de axuda non sempre che piden o que realmente necesitan, senón o que queren nese momento. E non sempre queren o mellor para elas.

You Can't Always Get What You Want
En primeiro lugar debes decatarte da realidade obxectiva: de veras podes darlle unha solución a esa persoa ou precisa axuda profesional? Se cadra a axuda que lle estás prestando xa vén prolongándose no tempo sen producir resultados, non se soluciona o problema senón que se lle pon un parche para ir tirando, e isto evita que esa persoa admita que ten un problema e acuda ao profesional adecuado. Retirarlle a axuda pode levala a enfrontar a situación dun xeito máis contundente. Será difícil, porque podes sentirte presionado, podes estar sendo manipulado para axudar, esa persoa pode interpretar marabillosamente o papel de vítima, de pobriña, ofrecendo unha imaxe de desamparo que te conmova, te faga sentir culpable... Iso prexudícavos a ambos. A verdadeira axuda non fomenta a codependencia, todo o contrario, unha axuda saudable promove o desenvolvemento do propio potencial. Observa se esa persoa está parada na súa vida, se loita por avanzar ou por que todo siga igual, e se é necesario cambia de estratexia. Non te comportes como unha nai sobreprotectora que sen querer impide que o seu fillo madure. Tenta de tomar distancia para analizalo e talvez descubras que é a túa oportunidade para practicar a asertividade explicándolle que ti sempre estarás aí, apoiándoa no seu proceso, pois non se trata de romper relacións con ela senón de negarte cariñosamente a asumir funcións que non che corresponden, reiterándolle o teu afecto e aconsellándolle que acuda a un especialista.

10 de set. de 2017

Sabes cando axudar aos demais?

Hai un fermoso conto de Rubem Alves sobre un home que quixo axudar a unha bolboreta a saír do seu casulo porque viu que non o conseguía e tivo pena dela. Puido sacala, pero a pobre nunca chegou a voar porque o esforzo que tiña que facer para saír do casulo era necesario para desenvolver as súas ás. O contiño encerra unha lección dificilísima de aprender: intervir non é o mesmo que axudar.
A medida que aumentamos o noso nivel de consciencia e asumimos a vocación do servizo aos demais vólvese máis e máis doado caír na tentación de axudalos porque, pobres, eles son inmaduros e non saben realmente o que lles convén, precisan asesoramento, apoio, axuda para resolver os seus problemas, precisan que alguén tome decisións que eles non son quen de tomar... Todo isto é mentira.
Queremos axudar, mesmo pode ser parte importante da nosa misión de vida, pero debemos ter en conta que se cadra non todo o que parece axuda o é. Acaso teño eu toda a información para decidir sobre a vida dos demais? Non (con frecuencia, nin sequera sobre a miña). Teño eu dereito a elixir polos demais o que lles convén, dado que son mellor, ou máis lista, ou máis vella e experimentada, con maior coñecemento da vida...? A verdade é que non, porque podería estar infrixindo unha lei tan esencial como é a do LIBRE ALBEDRÍO.
Distinto é o caso dunha nai que decide polo seu fillo aínda menor, ou en xeral cando decidimos por un familiar que polo motivo que sexa non pode (incapacitado, en coma, etc.) O feito de sermos parentes de sangue implica un proxecto de aprendizaxe común planeado entre vidas que dalgunha maneira me faculta (só excepcionalmente) para tomar a iniciativa nun caso extremo, pero fóra destas excepcións eu nunca podo intervir na vida doutra persoa sen cargarme de karma.
As persoas non somos só seres biolóxicos, traemos un plan de vida ao encarnar que debemos realizar para cumprir a nosa misión, para autorrealizarnos e para adquirir as aprendizaxes programadas. As regras do xogo inclúen esquecer este plan de vida unha vez que encarnamos e ter que conectar con el sen a información previa, aprendendo a recoñecelo sobre a marcha. Como podo eu saber cal é o plan de vida doutra persoa? Se a miña irmá decide embarcarse nunha relación que eu considero tóxica, como sei eu que non figura no seu plan de vida, como sei que debo interpoñerme entre ela e esa parella tan prexudicial, evitarlle esa experiencia dolorosa e terrible que eu vexo vir e ela non? Quen sabe se non existe un acordo de aprendizaxe previo entre eles dous que non me inclúe a min, e as súas almas se necesitan mutuamente nun tramo concreto da vida para realizar xuntas unha aprendizaxe que eu non podo proporcionarlles!
Sei o que me responderedes: quen sabe se non hai un acordo previo que inclúe a miña intervención! Tamén é certo. Non é doado, pero eu debo discernir, é a miña responsabilidade decidir intervir ou non. O miolo do asunto reside en como diferenciar aquelas situacións en que debo actuar daquelas en que non. Como podemos discernir algo tan delicado? 
En primeiro lugar, a soas e en silencio, meditando desde o noso corazón. Se estamos reaccionando a algo, intentando demostrar algo ou convencer a alguén, non actuamos desde o corazón. Se sentimos odio, desprezo ou medo, non actuamos desde o corazón. Indo cara adentro de nós mesmos con sinceridade poderemos saber se nos move cumprir o noso propio plan de vida ou algunha outra cousa.
En segundo lugar, respectando profundamente os procesos dos demais. Respectando e aceptando o dereito dunha persoa a equivocarse e a sufrir, permanecendo ao seu carón amorosamente en silencio, sen reproches, sen condescendencia, sen intentar forzala a ver polos nosos ollos ou andar ao noso paso. Cada persoa ten o seu plan de vida, o seu itinerario e o seu ritmo. Permitamos que os seus acertos sexan dela, e os seus erros dela igualmente.
En terceiro e último lugar, pero non menos importante... pediuche axuda? Intentar axudar a quen non cho pediu non é axudar, nese caso estás intervindo pero non necesariamente axudando, estás reinterpretando a realidade desde a túa subxectividade e interferindo na vida doutra persoa que tiña o seu propio plan, quizais impedíndolle realizalo, cargándote de responsabilidade sobre a súa vida ademais da túa. Queres cargar co karma de ter impedido que outra persoa realizase o seu plan de vida? Podes ofrecerlle axuda pero nunca impoñerlla, ela debe solicitala ou como mínimo aceptala expresamente, e así a responsabilidade última das súas accións seguirá sendo dela.