10 de set. de 2017

Sabes cando axudar aos demais?

Hai un fermoso conto de Rubem Alves sobre un home que quixo axudar a unha bolboreta a saír do seu casulo porque viu que non o conseguía e tivo pena dela. Puido sacala, pero a pobre nunca chegou a voar porque o esforzo que tiña que facer para saír do casulo era necesario para desenvolver as súas ás. O contiño encerra unha lección dificilísima de aprender: intervir non é o mesmo que axudar.
A medida que aumentamos o noso nivel de consciencia e asumimos a vocación do servizo aos demais vólvese máis e máis doado caír na tentación de axudalos porque, pobres, eles son inmaduros e non saben realmente o que lles convén, precisan asesoramento, apoio, axuda para resolver os seus problemas, precisan que alguén tome decisións que eles non son quen de tomar... Todo isto é mentira.
Queremos axudar, mesmo pode ser parte importante da nosa misión de vida, pero debemos ter en conta que se cadra non todo o que parece axuda o é. Acaso teño eu toda a información para decidir sobre a vida dos demais? Non (con frecuencia, nin sequera sobre a miña). Teño eu dereito a elixir polos demais o que lles convén, dado que son mellor, ou máis lista, ou máis vella e experimentada, con maior coñecemento da vida...? A verdade é que non, porque podería estar infrixindo unha lei tan esencial como é a do LIBRE ALBEDRÍO.
Distinto é o caso dunha nai que decide polo seu fillo aínda menor, ou en xeral cando decidimos por un familiar que polo motivo que sexa non pode (incapacitado, en coma, etc.) O feito de sermos parentes de sangue implica un proxecto de aprendizaxe común planeado entre vidas que dalgunha maneira me faculta (só excepcionalmente) para tomar a iniciativa nun caso extremo, pero fóra destas excepcións eu nunca podo intervir na vida doutra persoa sen cargarme de karma.
As persoas non somos só seres biolóxicos, traemos un plan de vida ao encarnar que debemos realizar para cumprir a nosa misión, para autorrealizarnos e para adquirir as aprendizaxes programadas. As regras do xogo inclúen esquecer este plan de vida unha vez que encarnamos e ter que conectar con el sen a información previa, aprendendo a recoñecelo sobre a marcha. Como podo eu saber cal é o plan de vida doutra persoa? Se a miña irmá decide embarcarse nunha relación que eu considero tóxica, como sei eu que non figura no seu plan de vida, como sei que debo interpoñerme entre ela e esa parella tan prexudicial, evitarlle esa experiencia dolorosa e terrible que eu vexo vir e ela non? Quen sabe se non existe un acordo de aprendizaxe previo entre eles dous que non me inclúe a min, e as súas almas se necesitan mutuamente nun tramo concreto da vida para realizar xuntas unha aprendizaxe que eu non podo proporcionarlles!
Sei o que me responderedes: quen sabe se non hai un acordo previo que inclúe a miña intervención! Tamén é certo. Non é doado, pero eu debo discernir, é a miña responsabilidade decidir intervir ou non. O miolo do asunto reside en como diferenciar aquelas situacións en que debo actuar daquelas en que non. Como podemos discernir algo tan delicado? 
En primeiro lugar, a soas e en silencio, meditando desde o noso corazón. Se estamos reaccionando a algo, intentando demostrar algo ou convencer a alguén, non actuamos desde o corazón. Se sentimos odio, desprezo ou medo, non actuamos desde o corazón. Indo cara adentro de nós mesmos con sinceridade poderemos saber se nos move cumprir o noso propio plan de vida ou algunha outra cousa.
En segundo lugar, respectando profundamente os procesos dos demais. Respectando e aceptando o dereito dunha persoa a equivocarse e a sufrir, permanecendo ao seu carón amorosamente en silencio, sen reproches, sen condescendencia, sen intentar forzala a ver polos nosos ollos ou andar ao noso paso. Cada persoa ten o seu plan de vida, o seu itinerario e o seu ritmo. Permitamos que os seus acertos sexan dela, e os seus erros dela igualmente.
En terceiro e último lugar, pero non menos importante... pediuche axuda? Intentar axudar a quen non cho pediu non é axudar, nese caso estás intervindo pero non necesariamente axudando, estás reinterpretando a realidade desde a túa subxectividade e interferindo na vida doutra persoa que tiña o seu propio plan, quizais impedíndolle realizalo, cargándote de responsabilidade sobre a súa vida ademais da túa. Queres cargar co karma de ter impedido que outra persoa realizase o seu plan de vida? Podes ofrecerlle axuda pero nunca impoñerlla, ela debe solicitala ou como mínimo aceptala expresamente, e así a responsabilidade última das súas accións seguirá sendo dela.


Ningún comentario:

Publicar un comentario