Ás veces non sabemos cando é momento de parar e seguimos obcecados coa nosa meta, sen darnos conta de que nela pode irnos a vida. Tamén inflúen moito as rutinas diarias nas decisións que tomamos, de maneira que preferimos seguir na nosa zona de confort en vez de cambiar. Pero se ves que os teus obxectivos están cada vez máis lonxe, que sofres un desgaste considerable e que as túas circunstancias mudaron visiblemente, quizais sexa hora de soltar lastre.
Conta G.I. Gurdjieff en Relatos de Belcebú ao seu neto unha desas simpáticas anécdotas do meu querido Mulá Nasrudin. Traballaba como xornaleiro e todos os días pasaba por un posto de froitas que lle levaba a vista. Sempre soñaba con probar esas marabillosas pezas tan sabrosas, frescas e coloridas. Co seu primeiro soldo mercou unha bolsa ben grande das que lle pareceron máis bonitas e púxose a comer nelas sentado nunha rocha ao sol. A boca ardíalle, chorábanlle os ollos e ata tiña palpitacións. Un derviche que pasaba por alí díxolle: "Ah, toliño, pero que fas aí sentado ao sol comendo guindillas picantes? Deixa iso, ho, deixa iso, que che vai facer mal". Pero Mulá Nasrudin respondeu: "Diso nada, son miñas, eu paguei por elas e agora vounas comer todas!".
Ningún comentario:
Publicar un comentario