15 de set. de 2017

Mentiras... piadosas?

Chámanlle mentiras piadosas ás que supostamente unha persoa di en beneficio doutra e non de si mesma. Trataríase de aforrarlle un disgusto á persoa obxecto do engano.
Dubido moito que se lle poida aforrar ningún disgusto, pois cada un ten o seu plan de vida e os presuntos disgustos as máis das veces están aí para ser vivenciados e integrados aportándonos algunha aprendizaxe importante. E quen son eu para saber que vai disgustar ou fortalecer a outra persoa, que aprendizaxes decidiu experienciar nesta vida e cales non? Quen son eu para decidir por ela? Tan lista me creo que desde a miña superioridade con gran condescendencia elixo o que lle convén e o que non sen consultarllo?
É mellor que o pense dúas veces e revise se de veras estou pensando nela. Non estarei tentando de aforrarme eu un disgusto, o disgusto que a min me causa ser portadora de malas noticias, ter que apenar e despois consolar a outro ser humano? Oh, pode ser. Talvez é a miña incomodidade a que estou aforrando.

Ningún comentario:

Publicar un comentario