As persoas necesitadas de axuda non sempre che piden o que realmente necesitan, senón o que queren nese momento. E non sempre queren o mellor para elas.
You Can't Always Get What You Want
En primeiro lugar debes decatarte da realidade obxectiva: de veras podes darlle unha solución a esa persoa ou precisa axuda profesional? Se cadra a axuda que lle estás prestando xa vén prolongándose no tempo sen producir resultados, non se soluciona o problema senón que se lle pon un parche para ir tirando, e isto evita que esa persoa admita que ten un problema e acuda ao profesional adecuado. Retirarlle a axuda pode levala a enfrontar a situación dun xeito máis contundente. Será difícil, porque podes sentirte presionado, podes estar sendo manipulado para axudar, esa persoa pode interpretar marabillosamente o papel de vítima, de pobriña, ofrecendo unha imaxe de desamparo que te conmova, te faga sentir culpable... Iso prexudícavos a ambos. A verdadeira axuda non fomenta a codependencia, todo o contrario, unha axuda saudable promove o desenvolvemento do propio potencial. Observa se esa persoa está parada na súa vida, se loita por avanzar ou por que todo siga igual, e se é necesario cambia de estratexia. Non te comportes como unha nai sobreprotectora que sen querer impide que o seu fillo madure. Tenta de tomar distancia para analizalo e talvez descubras que é a túa oportunidade para practicar a asertividade explicándolle que ti sempre estarás aí, apoiándoa no
seu proceso, pois non se trata de romper relacións con ela senón de
negarte cariñosamente a asumir funcións que non che corresponden,
reiterándolle o teu afecto e aconsellándolle que acuda a un
especialista.
Ningún comentario:
Publicar un comentario