30 de xan. de 2014

Aprendendo a soltar

O sufrimento procede do apego a algo que nos prexudica.
Pode ser unha persoa, un traballo, crenzas, hábitos de todo tipo, comidas, cousas ás que nos enganchamos ata o punto de crer que as necesitamos, que non podemos vivir sen elas, que nos aportan máis vantaxes que inconvenientes e polo tanto dalgunha maneira "compensa" ou "paga a pena". Non estamos cómodos, nin relaxados, porén cremos que non podemos mudar a situación, ben porque é imposíbel ou porque "sairiamos perdendo".
Ás veces outras persoas fannos notar a situación porque o ven con máis claridade ca nós pero negámoslles que sexa así, cremos que "non o entenden" ou "non o saben todo". Outras veces somos nós mesmos quen comezamos a reparar nos moitos sinais que a vida nos vai pondo diante para que rectifiquemos. A dor e a enfermidade son sinais moi fortes que é difícil pasar por alto, son mensaxeiros que nos invitan a desprendernos diso que nos está facendo mal.
O primeiro paso que hai que dar para superalo é recoñecelo, admitir que temos un problema e querer solucionalo. Moitas veces abonda con facerse consciente e tomar a decisión de non apegarte ás crenzas que te atan a esa cousa ou persoa que te está prexudicando. Se te percatas e tomas a decisión de desapegarte é abondo para desprenderse, para deixar de sostelo. O difícil non é soltar, o difícil é decidir soltar, convencernos das vantaxes de desprendernos, pois cando non nos decidimos é porque algo no noso interior segue pensando que o sufrimento nos dá algo bo e que ao soltarnos perderemos non só o sufrimento senón tamén o goce.
Pensa ben que é o que che está a facer mal, en que e por que. Se algo te lastima pola túa maneira de ser, cambia ti. Se te lastima porque así é como é e non poderia deixar de lastimarte, sóltao.
Deixa de participar no que te prexudica e comeza a actuar con dignidade.
Libérate.
Liberarse non é responder aos golpes senón deixar de recibilos, o que me libera non é atacar senón decidir vivir outra experiencia, deixar de participar (nin recibindo, nin dando).

Ningún comentario:

Publicar un comentario