Amar a unha persoa que está comprometida con outra, pero ti es a súa mellor amiga ou amigo e por un lado che di que te necesita e que só contigo pode sincerarse pero por outro lado non te ve como parella cando é iso exactamente o que ti estás desexando, esperando, sempre disponible para as súas confidencias, para acudir á súa chamada, confiando en que un día se entregará a ti completamente.
Amar a alguén que ten outra orientación sexual, pero ti cres que un día cambiará.
Amar a quen o foi todo para ti anos atrás e seguides xuntos pero claro, as cousas cambian e por circunstancias da vida fostes distanciándovos e en canto se solucione o problema dos fillos / da hipoteca / dos papeis do seu divorcio / do seu emprego / da venta do piso ... todo se solucionará e volverá a ser como antes.
Amar a quen te quere con loucura anque en fin, o seu carácter é así, os celos pódenlle e ponse violento, pero só polo moito que te quere, desde fóra pode parecer que che fai dano pero en realidade esa violencia é froito da súa paixón por ti, que non pode controlala, así que podería mesmo considerarse que é unha proba do seu amor.
Amar a quen está a punto a punto de casar contigo, só espera que se resolva un asuntiño de nada, asuntiño que leva anos sen resolverse e vós mantedes a vosa relación en segredo para non prexudicar a outras persoas implicadas.
Amar a alguén do mesmo sexo que non pode admitir en público o que sente por ti porque sería darlle un desgusto mortal a terceiras persoas ou perder algo importante, que el cre imprescindible, como o traballo, a posición social...
Debes comprender que o amor non implica sufrimento. Nunca. Nos casos que vimos de mencionar por un lado temos un sentimento amoroso, e por outro temos lazos de dependencia prexudiciais, intereses creados, malos hábitos adquiridos, crenzas limitantes, en suma toda unha serie de condicionantes que se ben nos manteñen unidos fano con dor, medo ao cambio e frustración. Neste tipo de relacións, polo tanto, predomina o apego, non o cariño.
O apego consiste nunha escravitude, nun lazo que non queremos soltar anque nos manque. Pode darse por varias razóns, por exemplo medo. Medo de que se algo cambia a relación non se sosteña, medo de non atopar nunca outra relación satisfactoria, medo de ferir ou ser feridos, medo de sermos persoas malas e desconsideradas, medo da soedade, da opinión dos demais, de non ser capaces, etcéeeeeetera.
Se cres que non é o teu caso, que non se trata de apego, deberías probar a cortar os lazos limitantes desa relación. Non che estou suxerindo porlle fin á relación en si senón todo o contrario, mellorar a súa calidade, cortar os lazos do apego, da dependencia limitante, da chantaxe emocional, do medo. A relación pode quedar fortalecida, tras unha poda magnífica de todo o superfluo, nacerán gromos novos, fortes e sans. Pero tamén, se non había verdadeiro afecto, podes decatarte de súpeto, ver a realidade sen máscaras e comprender que efectivamente hai que porlle fin. Iso non ten por que significar berros, dramas, choros e traumas, podes cambiar o tipo de relación con esa persoa, sen cortar o trato con ela, ou podedes mesmo manter a relación pero sentando novas bases.
Por exemplo: Rosa leva vinte anos namorada do seu xefe. El está casado, e anque unha vez se deitaron iso non volveu pasar e serviu para reafirmar a súa intimidade e complicidade, pero non para que el se cuestione o seu matrimonio. Continuamente chama a Rosa por teléfono e manteñen longas conversas ata altas horas da madrugada. El asegura que só Rosa o comprende, que son almas xémeas. Rosa está segura de que algún día estarán xuntos. Rosa non está disponible para ningún outro romance porque se entregou a esta fantasía estéril completamente e se coñece algún home interesante non constrúe nada sólido con el porque a súa verdadeira meta é o seu xefe, sempre compara con el a calqueroutro, sempre responde ao teléfono cando el chama, escoita as súas coitas, mesmo que traten das súas amantes. Ela está convencida de ser alguén moi especial na vida del e non quere prescindir de ocupar un lugar tan especial no seu corazón, anque sexa o de confidente, amiga íntima, ou calquera nome que entre eles decidan darlle a esta escravitude de Rosa, porque claramente el non está no mesmo caso de dependencia, esta non é unha relación entre iguais. Un día Rosa decide cortar os lazos prexudiciais que a unen ao seu xefe. Para iso hai varios procedementos e ela escolle unha meditación pedíndolle axuda ao arcanxo Miguel.
Rosa, a soas no seu cuarto, pecha os ollos e imaxina estar fronte ao seu xefe. Explícalle que van proceder a cortar os lazos de dependencia prexudiciais que se foron formando entre eles e pídelle a súa colaboración. Acto seguido chama polo arcanxo Miguel e pídelle a súa colaboración. Imaxina a Miguel arcanxo dándolle o aspecto que considere, non se obsesiona con isto, simplemente sabe que é un ser fermoso e bondadoso que porta unha gran espada. Rosa comeza a visualizar un por un os lazos que saen do seu corpo e van ao corpo do seu xefe. Algúns son lazos dourados moi fermosos que unen as súas cabezas, outros saen do corazón e doutras partes do corpo. Rosa visualiza todos estes lazos, fíxase en como son, de que material están feitos, de que partes do corpo saen. Cando xa os está vendo todos, pídelle a Miguel que os corte, que corte todos os lazos prexudiciais entre eles. Miguel córtaos coa súa espada. A continuación é importante recoller os cabos destas ataduras e conectalos ao seu propio corpo. Rosa recolle os extremos dos seus lazos e conéctaos no seu corpo, e asegúrase de que o seu xefe faga outro tanto. Cando ambos remataron, Rosa agradece ao seu xefe e a Miguel arcanxo a súa participación e abre os ollos, aliviada.Ao día seguinte no traballo todo semella igual que sempre, pero pola noite Rosa sae cun grupo de amigas e cando o seu móbil soa as doce da noite cunha chamada do seu xefe decide non collelo. Ao día seguinte o seu xefe pregúntalle por que non colleu o teléfono e ela responde cun sorriso que era demasiado tarde e pídelle que en adiante faga o favor de non chamar tan a deshora.
AMPLIA ESTA INFORMACIÓN
Interesante y valioso artículo. Voy a darlo a conocer. Es muy posible que le haga falta a alguien.
ResponderEliminarGrazas pola visita e polo comentario! Unha aperta!
Eliminar