3 de ago. de 2014

Crenzas limitantes

  Moitas persoas sosteñen crenzas que lles impiden vivir plenamente. Por exemplo, chamémoslle Paco a un amigo que está sufrindo espantosamente e non desexa ser consolado, considera que a vida é simplemente un proceso biolóxico, todo canto existe forma parte dun universo de caos, segundo el un optimista é un pesimista mal informado, e así un longo etcétera. Paco non renunciará ás súas crenzas porque está convencido da súa verdade, e para el esa veracidade é un ben superior. Se lle suxerimos a Paco cambiar as súas crenzas por outras que lle axuden a levar unha vida máis satisfactoria sentirase ofendido; ademais pareceralle imposíbel, pois non se pode decidir desde a mente consciente deixar de crer unha cousa para crer outra.
  "Coñécete a ti mesmo" dicía o oráculo de Delfos, e ese é o primeiro paso da sabedoría pero talvez xa teñas comprobado que coñecerte a ti mesmo e saber cales son os teus puntos débiles non significa que sexas capaz de cambialos: insisto en que desde a mente consciente non se poden cambiar as crenzas, non se pode elixir que crer e que non, o mesmo que non se pode elixir de quen namorarse, pois son procesos incomprensíbeis racionalmente, suceden a un nivel subconsciente. Coa mesma información, coa mesma educación e incluso a mesma familia, un irmán elixe unhas crenzas e outro unhas diferentes. Non é unha elección consciente.


  "Coñécete a ti mesmo" é só o primeiro paso, non o único paso. Identificar as nosas crenzas é moi esclarecedor, porque as nosas crenzas establecen os limites do que podemos facer ou non, e así eu me fago consciente dos conceptos que teño sobre a vida, sobre o universo e sobre as miñas propias capacidades. As cousas que cremos condicionan a nosa vida. En primeiro lugar o maior obstáculo para conseguir o que desexamos son as programacions subconscientes que temos, algunhas delas implantadas cando eramos moi nenos, de maneira que as sentimos como universais incuestionábeis cando non o son; logo están as crenzas que nos foron inculcadas pola sociedade, a información que nos foi transmitida e a que nos foi ocultada, e despois crenzas que fomos elaborando por nós mesmos a raíz da nosa experiencia vital. Ao final as nosas crenzas non fan máis que reforzarse co tempo, porque acabamos vivenciando cousas que as confirman, sesgando a nosa capacidade de observación e de interpretación da realidade, lembrando especialmente aquelas vivencias que confirman as nosas crenzas e esquecendo outras. Todo isto condiciona a nosa vida, impón limites ao que podemos facer, conseguir ou merecer, e ademais somos como emisoras de radio que nos sintonizamos e atraemos o mesmo que emitimos, como demostra a sabedoría popular en ditos como "Deus os dá e eles se xuntan", "Dime con quen andas" e tantos outros, por non falar da superfamosa "Lei da Atracción" e "O Segredo".
  En resume todos, quen máis, quen menos, estamos condicionados polas nosas crenzas, moitas das cales o único que fan é limitarnos.
  Sabendo isto, non sería o máis intelixente desprendernos das crenzas que non nos apoian na vida e adoptar outras que nos permitan acadar os nosos obxectivos vitais, a nosa realización persoal, plenitude e harmonía? E se fose posíbel? E se houbese algunha ferramenta para facelo?
  Existen varias ferramentas para facelo, PSY-K por exemplo é unha das mellores que coñezo. Pero hai que querer facelo e lamentabelmente moitas persoas non queren cambiar, aínda sabendo que a súa vida melloraría. As crenzas producen emocións que fan reaccionar dun xeito ou outro e a xente acaba identificándose con iso. É dicir, a xente acaba pensando que o que os define, aquilo que os fai ser quen son, é a súa maneira de actuar (e nin sequera, porque desgrazadamente a maioría o que fai non é actuar senón reaccionar). A xente non quere cambiar porque temen deixar de ser eles mesmos, que é como unha especie de morte. O medo ao cambio tamén se relaciona con saír da zona de confort, e co conformismo expresado no dito "Vale mais malo coñecido..." denominado polos psicólogos ganancia secundaria: non me sinto satisfeita coa miña vida pero teño todo controlado, estou en terreo coñecido e iso me produce sensación de seguridade, de estar a salvo.


E ti, estás disposto a ser o creador da tua propia vida?

Ningún comentario:

Publicar un comentario