Un home vai á consulta do médico e quéixase de que leva unha semana tendo o mesmo soño estúpido: partidos de fútbol entre formigas. Non logra descansar e non sabe que facer.
- Tome isto - dille o doutor - e esta noite durmirá sen soñar nada, xa verá como mañá estará mellor.
- Esta noite? Esta noite? Pero esta noite é a Final!
Algunhas persoas parece que non poden aceptar a sanación. O proceso de sanación si, pero non o remate do sufrimento. Como se lles gustase estar sanándose en vez de estar sas.
Conta Michael Harner en "La cueva y el cosmos" dun que na súa viaxe chamánica lle pediu a un dos seus mestres no mundo espiritual que lle sanase a dor de cabeza.
- Estache doendo a cabeza? - preguntou o ser de luz.
- Agora mesmo non, pero que podo facer para que non me doia?
- Xa está feito, agora non che doe.
- Agora mesmo non, pero despois vaime doer.
- Parece que queres que che doia.
- Quero que non me doia.
- Pero xa non che doe.
- Pero como despois me vai doer, por iso che pido que me sanes da dor de cabeza.
- Pero non che doe, polo tanto será mellor que agora eu che envíe unha forte dor de cabeza, para que poidas pensar en como curala!
- Nooooooon por favoooooor...
Isto é verídico. Moitas persoas están tan concentradas no proceso de sanarse que non teñen nada pensado para cando están sas, e aínda que comecen o proceso de sanación axiña volven reproducir o problema desde o inicio. Pode ser porque non dan saído da súa rotina enferma; porque teñen medo de acometer outras cousas na súa vida; porque non son conscientes da súa sanación; porque obteñen algunha vantaxe de estar enfermos como ser máis interesantes, ter grandes historias de sufrimento ou supervivencia que contar, como elemento de sedución para os demais, ou de queixa, ou de lástima, ou excusa para non resolver outro asunto que pospoñen ata que "se curen" ou simplemente porque a enfermidade lles proporciona a intensidade vivencial na que queren estar, como naquel poema de Rosalía:
Unha vez tiven un cravo
cravado no corazón,
i eu non me acordo xa se era aquel cravo
de ouro, de ferro ou de amor.
Soio sei que me fixo un mal tan fondo,
que tanto me atormentóu,
que eu día e noite sin cesar choraba
cal choróu Madalena na Pasión.
“Señor, que todo o podedes
-pedínlle unha vez a Dios-,
dáime valor para arrincar dun golpe
cravo de tal condición”.
E doumo Dios, arrinquéino.
Mais…¿quén pensara…? Despois
xa non sentín máis tormentos
nin soupen qué era delor;
soupen só que non sei qué me faltaba
en donde o cravo faltóu,
e seica..., seica tiven soidades
daquela pena…¡Bon Dios!
Este barro mortal que envolve o esprito
¡quén o entenderá, Señor!…
Rosalía de Castro
(Follas Novas, 1880)

Ningún comentario:
Publicar un comentario