Un koan é un problema, unha pregunta ou un enunciado paradóxico que un mestre do budismo zen propón aos seus alumnos para que intenten resolvelo, que pensen nel e o teñan presente ao longo de varios días, mentres fan as súas tarefas cotiás, en fin, ata que se lles ocorra algunha solución. Cando ten unha solución, o estudante sométea á opinión do mestre e se acepta esa solución, o mestre proporá un novo koan. Normalmente os koans son tan inexplicábeis, absurdos e retorcidos que para resolvelos non é suficiente a lóxica, hai que pensar ao mesmo tempo con todo o ser: a mente, as emocións e sobre todo a intuición. Ás veces hai que desligarse do pensamento racional e cambiar o nivel de conciencia para adiviñar o que en realidade está preguntando o mestre. A mente discursiva, conceptual, chega un momento en que se satura de si mesma e non atopa saída, e precisamente nese punto en que a mente se detén cabe a posibilidade de experimentar un satori ou iluminación: ver a realidade sen os condicionamentos da mente, vela tal como é, sen proxectar sobre ela os nosos medos, os nosos desexos, espectativas, emocións e pensamentos, porque todas estas cousas distorsionan a realidade.
Tentar de resolver koan é un poderoso exercicio de disciplina mental, abrindo as posibilidades dunha percepción máis aguda, máis exacta da realidade.
Hai un breve relato que ilustra perfectamente a esencia dos koans: o vello abade dun mosteiro zen reuniu aos monxes e díxolles que lles ía propoñer un problema; aquel que conseguise resolvelo sería o novo abade. Acto seguido colocou á súa vista un fermoso e valioso xarrón antigo e retirouse. Ninguén soubo que facer. Cando o abade regresou ninguén sabía que dicir... Entón o abade rompeu o xarrón contra o chan, dicindo: "Eu dixen que isto era un problema, e esta é a única solución posíbel; por moi fermoso e fascinante que sexa un problema, segue sendo un problema!!"
Ningún comentario:
Publicar un comentario