16 de nov. de 2011

Revisa as túas crenzas

Pensa nalgunha crenza persoal túa, algo no que cres firmemente, sen ningún xénero de dúbidas. Por exemplo, podes pensar "A vida é fácil e fermosa" ou pola contra "A vida é unha loita continua". Sexa cal for a túa resposta, é unha afirmación persoal que consideras verdadeira. Iso é unha crenza, un sentimento de certeza sobre algo.
As nosas crenzas afectan á percepción que temos de nós mesmos, dos demais e das cousas e situacións que nos rodean. A través do noso sistema de crenzas damos forma ao noso modelo do mundo. A persoa que cre "a vida é fácil e fermosa", a través dos seus pensamentos e accións vai construír unha vida fácil de vivir e probablemente chea de alegrías e beleza. Pola contra, á persoa que cre "a vida é unha loita continua" non lle faltarán as dificultades.
A maioría de xente pensa que as súas crenzas proceden da experiencia persoal, cando en realidade non é así, porque a mente fai trampa, aplica un filtro ás nosas experiencias, lembrando as que coinciden coas nosas crenzas e esquecendo as que non casan con elas.
Tamén é moi curioso que a maioría das nosas crenzas son inconscientes, non sabemos que as temos. Tampouco somos conscientes do efecto tan poderoso que teñen sobre a nosa vida: as nosas crenzas poden ser potenciadoras ou limitadoras; as primeiras potencian a autoconfianza e axúdannos a afrontar con éxito situacións complexas; as segundas quítannos enerxía e inhabilítannos. Por exemplo, se cremos que xa imos vellos, que xa pasou o período da nosa vida en que era doado aprender cousas novas, estaremos bloqueando calquera oportunidade de desenvolver novas capacidades, poida que nos custe moito esforzo aprender novas habilidades porque iso nos quitaría a razón a nós mesmos, e así facemos realidade a nosa propia crenza limitante.
Ser consciente das túas crenzas esenciais pode mellorar notablemente a túa calidade de vida. Trátase de identificar as crenzas limitadoras e facer o esforzo de cambialas. Tamén debemos descubrir os conflitos de crenzas que poden existir, sen sabelo, dentro de nós e que poden estar provocando unha especie de loita interna entre partes de nós mesmos, facéndonos desexar cousas contraditorias, paralizándonos á hora de tomar unha decisión, facendo que nos autoboicoteemos, levándonos a "tropezar unha e outra vez coa mesma pedra", etc. Pero claro, simplemente con cuestionar nada máis que unha soa das nosas crenzas pódese desestabilizar todo o sistema de crenzas que se derivan ou relacionan con ela. Esta é unha das razóns polas que nos resistimos a modificar algunha das nosas crenzas. Fai a proba: tenta de reflexionar sobre unha crenza que teñas asumida, imaxinar que vantaxes terías se a substitúes por outra crenza máis favorábel... e verás como a túa mente se rebota e exerce unha durísima tiranía, facéndote incluso crer que se mudas de opinión nese asunto tan esencial deixas de ser ti mesmo.

O primeiro paso é comprender que ti non es a túa mente. A túa mente é unha parte de ti, só que unha parte á que se cadra lle concediches todo o poder sobre a túa vida. Usas a túa mente, ou ela te usa a ti? 

Unha das técnicas útiles para aprender a cambiar as crenzas limitantes é a Programación Neurolingüística (PNL).

Ningún comentario:

Publicar un comentario