22 de mar. de 2012

Que estás facendo?

Sabes que é o máis importante que farás nunca na túa vida?
Pénsao ben uns segundos antes de continuar lendo...


O máis importante na túa vida é o que estás facendo exactamente agora.
Porque nunca poderás estar noutro intre senón no agora, non existe máis nada, só o presente.
Enchemos as nosas cabezas de lembranzas e pasamos a vida a xustificarnos con elas. Enchémonos de plans para o futuro e deixamos de vivir o presente coma se o que deixamos de facer hoxe fose unha inversión recuperable mañá. Todo iso son construtos mentais, non é a vida, a vida escápache porque ou ben "non tes tempo" ou ben "xa me pasou o momento" ou ben  "xa chegará o momento"... O momento é agora. De feito, é o único momento.
Tamén pasa isto co crecemento persoal: non tes tempo. Non tes tempo de ir a clase de ioga ou non tes cartos para visitar A India... Como se iso importase!! Para aumentar o teu nivel de consciencia non precisas ir a clase, nin viaxar a un remoto país oriental e alí visitar un gurú famoso que che vai explicar segredos deslumbrantes... De feito  ás veces estas cousas non son máis que  lambetadas para a mente egoica (nin sequera alimento verdadeiro). O camiño para espertar está na tua vida diaria, nas túas accións concretas; está no cotián, pois a túa vida é unha sucesión de momentos que son os que tes que transformar vivíndoos con plena consciencia, dándote conta de todos e cada un deles.

Como naquel contiño onde un monxe lle pregunta ao seu mestre nun mosteiro zen:
- Mestre, como fas para seguir sempre o camiño verdadeiro?
- Cando teño fame, como, e cando teño sono, durmo.
Paréceche doado? Fai a proba. Tenta de pensar na comida mentres comes, descansar de verdade mentres dormes, non lle dar mil voltas ao que fixeches ou dixeches no traballo cando esteas cos teus fillos, nin repasar  mentalmente  a listaxe do supermercado mentres conduces...
Trata de vivir con autenticidade e consciencia cada momento. Nada máis.

Ningún comentario:

Publicar un comentario