16 de mar. de 2012

Espirais ou círculos?


Seguro que todos oímos falar algunha vez do "ciclo da vida" pero cada vez que o experimentamos en carne propia nos sorprende e incluso molesta. A causa é que estamos habituados a pensar en términos de liñas rectas, construímos a nosa identidade (non exactamente, máis ben o noso ego) como unha liña do tempo, unha biografía que avanza queimando etapas, capítulo 1, capítulo 2... e cando algo parece repetirse sentímonos fracasados: Pero outra vez? Por que, se isto xa o tiña superado? Entón nace a expresión "andar en círculos", que ten connotacións negativas.
De agora en diante cando algo se repita na túa vida non te atormentes como se alguén te suspendese e tiveses que repetir curso, non se trata diso senón de enfrontar a mesma situación desde unha perspectiva máis rica, máis ampla. Non penses nun círculo senón nunha espiral. Aparentemente vas facendo os mesmos xiros que xa fixeches, pero un pouco máis arriba, cun coñecemento maior da situación e de ti mesmo, cunha maior consciencia e capacidade resolutoria. Si que estás avanzando, o que pasa é que non avanzas en liña recta senón en espiral.
Tentarei de aplicar isto na miña vida e levar o mellor posible esta fastidiosa recaída gripal...

2 comentarios:

  1. Anónimo18/3/12

    Graciñas,Puri. Xa algunha vez temos comentado isto, pero está moi ben recordalo e hoxe é un deses días que precisaba volver a sentir que o crecemento é en espiral. Moi agradecida, pois por este comentario. É unha importante axuda.
    Bicos (MD)

    ResponderEliminar
  2. Grazas por estar aí. Ánimo, pois non chegamos ata aquí de balde verdade? Tamén as espadas do mellor aceiro de Damasco pasaban varias veces polo lume e polo sangue antes de adquirir o seu temple lexendario. Así somos nós. Bicosssss ss

    ResponderEliminar