17 de ago. de 2014

Ti como es? Visual, auditivo ou kinestésico?

Non é certo que unha imaxe valla por mil palabras. A Programación Neurolingüística ten estudado que non todas as persoas damos e recibimos información coas mesmas ferramentas, hai tres modalidades de comunicación e anque todos as usamos, cada quen utiliza unha delas preferentemente. Estas modalidades son: visual, auditiva e kinestésica, pois son a vista, o oído e o tacto os sentidos principais cos que interactuamos os humanos.
Todos temos os tres sistemas representacionais e usamos un ou outro segundo o contexto, por exemplo, podemos ser máis auditivos no centro de traballo pero kinestésicos á hora de preparar unha viaxe. Ora ben, cada persoa soe ter unha modalidade predominante e saber cal é a túa pode axudarte a mellorar a túa comunicación e aprendizaxe. Igualmente no caso dos teus achegados, compañeiros de traballo, alumnos, clientes, veciños, etc. pode servirche para comprender por que comprenden mellor unhas cousas que outras e facerte entender por eles con máis eficacia a próxima vez.

VISUAL
  • Ten lembranzas maioritariamente visuais, e pode por exemplo describirche con detalle as escenas dunha película.
  • Memoriza mellor con diagramas, cadros, esquemas. 
  • Lembra o que le mellor que o que escoita. Soe escribir as cousas para lembralas mellor.
  • Gústanlle as artes plásticas.
  • Ten bo sentido da orientación.
  • Ten facilidade para recoñecer unha cara e xogar a lembrar parellas de imaxes.
  • Soen ser persoas ordeadas.
  • Soen apagar a radio cando conducen en circunstancias conflitivas.
  • Comunica con moita enerxía e utiliza palabras de significado visual: Como vimos onte... / Perdoa pero nono vexo claro... / Viches? / Despídese de ti cun " Veña ata logo, vémonos!"

AUDITIVO
  • Lembra mellor o que oe que o que ve. 
  • Soe tararear ou tamén falar só.
  • Necesita falar, escoitarse a si mesmo axúdalle a aclarar as súas ideas.
  • Tamén lle gusta escoitar, dánselle ben as profesións onde escoitar sexa importante. 
  • Prefire instrucións verbais antes que escritas.
  • Son máis tranquilos que as persoas visuais, a súa comunicación é máis calmada e poden molestarlle incluso os timbres de voz dalgunhas persoas.
  • Usa palabras de significado auditivo: Non che soa isto? Non sei, a min non me soa de nada / , Pódese dicir máis alto pero non máis claro / Despídese de ti cun "Ata logo entón, xa falaremos!"

KINESTÉSICO
  • Aprende mellor experimentando, facendo cousas mellor que só lendo ou escoitando.
  • Gústanlle as actividades físicas (bailar, practicar deportes).
  • Gústalle traballar coas mans.
  • Desconcéntrase facilmente cando hai música alta de fondo ou demasiada xente falando.
  • Camiñan cando falan por teléfono. 
  • Son máis lentos para falar, non teñen presa como os visuais. 
  • Usa unha linguaxe metafórica, con referencias ao tacto, olfato e gusto: Isto sábeme mal pero... / Bótame unha man con isto /  Vaia puñalada me deu / Sinto que non me comprendes / Despídese de ti cun "Ata logo, estamos en contacto!" 
Como docente, sei de sobra que na escola é frecuente que un estudante teña máis facilidade para unhas materias que para outras. Ademais de valorar se é pola asignatura en si, tamén podemos ter en conta a maneira en que se transmiten os contidos. Con frecuencia o profesorado procura fórmulas para mellorar a súa praxe, e tamén cada pouco hai algunha reforma educativa que promove un estilo ou outro (os kinestésicos foron, durante moito tempo, os grandes prexudicados do sistema, pero tampouco vai mellorar a aprendizaxe de todos os alumnos a experimentación, que non todos prefiren). Non hai unha única maneira de transmitir con eficacia para un alumnado naturalmente heteroxéneo, así que talvez o máis prudente sexa asegurarnos de que na nosa aula usamos os tres estilos comunicativos en cada unidade, e nunca tomarnos a mal que un alumno non saiba algo que acabamos de "explicar"...



Ningún comentario:

Publicar un comentario