4 de xuño de 2017

A realidade invisible

Seguramente todos coñecedes este test, que consiste en contar os pases de pelota do equipo branco e ignorar os do equipo que viste de negro. Fixádevos e intentade lembrar cantos pases fai o equipo de camiseta branca, antes de seguir lendo:





Efectivamente, é o famoso experimento do gorila invisible. Con el demóstrase (e con moitos outros similares) o limitado da nosa percepción e como decidir de antemán a que lle imos prestar atención e a que non condiciona enormemente a nosa capacidade para ver determinadas cousas. E isto sucede en todos os aspectos da vida, por exemplo, os radiólogos tampouco ven o gorila nunha radiografía (supoño que Hamer tería moito que dicir ao respecto, hehehe...)

A túa enerxía flúe a onde vaia a túa atención. Esa é unha das razóns polas que moitas protestas e iniciativas "contra" algo non surten efecto, pois o que facemos é alimentar ao monstro, "darlle de comer ao troll" como se di nos foros. Cando algo te molesta mira que actitude vas tomar e faino, pero quedarte queixándote do malísimo que é resulta ao final contraproducente. Non te gastes demasiado naquelas cousas contra as cales estás, mellor dedica a túa atención e a túa enerxía a facer que medren e prosperen as cousas das que estás a favor.

Que é o que queres na túa vida? E que é o que non queres? A que lle estás prestando máis atención? Revísao porque se cadra por moito que decretes que queres gozar de prosperidade non fas máis que acumular facturas e tikets de compra, repasando as túas débedas unha e outra vez en vez dos teus ingresos. Non se pode crear (xa sabes: mellor co-crear) a prosperidade así.

Que cousas cres que é máis probable que pasen na túa vida? Que cousas ves improbables e mesmo imposibles? Porque mentres conserves crenzas limitantes sobre unha área de vida, a que sexa, resultará dificultoso facer cambios reais e duradoiros nela. Igual estás contando fracasos amorosos mentres o veciño de arriba te sorrí timidamente no ascensor, que é o mesmo que contar os pases de pelota e non ver o gorila.


Decidir "mirar" algo é o primeiro paso para velo,
pero tampouco habemos de tomar o que os ollos/o cerebro nos mostran
como unha verdade incuestionable.
Unha vez asimilado isto podemos estar en condicións
de co-crear a nosa vida da maneira máis conveniente e non permanecer
queixosos e inadaptados fronte a un "mundo cruel".
Se ti dirixes a túa mirada sobre as crueldades do mundo,
habitarás por sempre nese mundo cruel.
Se ti te consideras impotente xoguete do destino, así serás.
Pero sempre podes dcidir outra cousa, planificala e realizala.
Só tes que apagar esa voz que repite na túa mente:
"Non podes, porque as cousas son así".
As cousas non "son" en absoluto, o único que "é" é a túa interpretación sobre elas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario