9 de feb. de 2012

Negra Sombra

Algunhas persoas son tan doces sempre, tan encantadoras, amables, empalagosamete amorosas, todo luz, nunca dan unha fala máis alta que outra... E hai xente fascinada por esta pose, que se esforza en imitar esta conduta e o único que fai é reprimir aspectos do seu ser que non van desaparecer por iso, senón que pasan a engordar a súa sombra.

Lembremos unha vez máis que iluminarse non é seguir un modelo de luz, senón traer á consciencia a escuridade. Examinemos as nosas sombras: esa é a auténtica sanación e non darlles as costas para focarse só no "positivo". Noto certa tendencia, que ata parece ir en aumento, a "centrarse no bo" ignorando o escuro, o defectuoso, tanto dentro como fóra dun mesmo. Pero como imos iluminar algo que nos negamos a ver?

Aprende a coñecerte a ti mesmo. Primeiro observa, e despois acepta sen reparos todo o que hai en ti; todo, incluídos os medos, desexos ocultos, frustracións, emocións contraditorias, lembranzas dolorosas, todo o que antes etiquetaches como "negativo" pode ser revisado cunha atención amorosa e compasiva. Quizais te axude velo como se fose material alleo, non teu  senón de alguén que acudiu a ti para pedirche consello. Non fuxas da túa sombra, non fagas dela un monstro, abrázaa con paciencia, é filla túa e necesita a túa guía, a túa paciencia, ás veces simplemente a túa presenza, abonda con que esteas aí, ao seu carón, como referencia lúcida no medio dos seus terrores nocturnos.








"A sombra só é perigosa cando non lle prestamos atención" C.G. Jung

Ningún comentario:

Publicar un comentario